Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Espazos de expresión e confinamento

As mulleres artistas no franquismo

Esculturas de Elena Colmeiro.

Territorios de intimidade. Artistas galegas baixo o franquismo 1940-1975 é unha interesantísima proposta de revisión da arte realizada por mulleres na Galiza posterior á sublevación fascista, amosando a resposta creativa feminina en tempos de auténtica penuria, nun longo período que limitou de xeito moi marcante a proxección do traballo creativo das mulleres mais que tamén permite amosar a súa "resiliencia", é dicir, a súa capacidade de adaptación nun escenario vital que as retiraba do ámbito público e do mínimo recoñecemento como artistas.

Alén diso, como é ben coñecido, o contexto global do franquismo supuxo unha fractura radical para a nosa cultura. A Guerra Civil e o triunfo dos sublevados, co asasinato dalgúns artistas, a diáspora política doutros e o penoso exilio interior e a loita pola supervivencia dos creadores e creadoras que quedaron no país, marcou as novas xeración formadas xa na ditadura.

Estas circunstancias, na posguerra, fan que nun primeiro momento domine unha pintura involucionista e fortemente pegada á tradición, da que Julia Minguillón (1906-1965) é paradigma. E así semella que se entende no proxecto Territorios de intimidade ao comezar o discurso expositivo por unha obra chave da artista como é Mi familia (1944). O clasicismo formal da pintora luguesa e o convencionalismo burgués dos seus retratos e escenas do mundo doméstico e "feminino" reflicten moi ben a opción estética mais tamén o ambiente social e a ideoloxía dominante con modelos idealizados de corte clasicista, mulleres maternais en familia, meniños ao redor das mulleres ou nais e pais, cun sentimentalismo que contrasta vivamente co antisentimentalismo da pintura galega da República, a do movemento renovador d'Os Novos, que utilizaba os modelos femininos como iconas, subliñando a dignidade da muller traballadora, en especial labrega, e o seu carácter de emblema nacional, velaí a Muller sentada (1930) de Carlos Maside.

Mi familia é, pois, unha obra ben singular, polo que ten de reflexo ideolóxico, presentando un estilo figurativo clasicista, de grande calidade, ao servizo dun contido que enxalza a ideoloxía do novo réxime fascista, neste caso coa representación da familia como portadora dos valores tradicionais, nun universo de idealizado equilibrio, que contrasta fortemente coa realidade social desta altura.

Obviamente, a mostra salienta tamén a variedade estilística, desde o debuxo requintado art déco de Lolita Díaz Baliño até a modernidade formal da escultura de Elena Colmeiro ou da pintura de Beatriz Rey, por sinalarmos extremos xeracionais e formais. Porén, eses "territorios de intimidade", que atinadamente serven de fío condutor, pairan por todo o traballo das artistas, con eses espazos que serven de ámbito expresivo a pintoras como Carmen Corredoira, María Victoria de la Fuente ou Elena Fernández-Gago. Espazos de expresión mais tamén espazos de confinamento, que son espello da abafante realidade dun tempo que quere reducir o feminino ao íntimo, ao lar e ao doméstico, e que só permite a escapada onírica. Unha realidade opresiva que denuncia a obra de creadoras como Mercedes Ruibal ou María Antonia Dans, reforzando a visión da muller soa que leva adiante a loita pola vida desde a dignidade, facendo fronte á opresión e á marxinación.

Título: Territorios de intimidade. Artistas galegas baixo o franquismo 1940-1975

Comisaria: Rosario Sarmiento. Produción: Auditorio de Galicia, Concello de Santiago de Compostela. Local: Auditorio de Galicia, Santiago. Até o 3 de febreiro de 2019

Cinco ámbitos temáticos

  • A montaxe desenvolve ao longo de cinco seccións, que se articulan tematicamente, algunhas das liñas que se consideran máis significativas na evolución da arte realizada polas artistas galegas no franquismo, cerna fundamental da exposición. Para presentala, a comisaria sérvese de diferentes núcleos argumentais que van desde os centrados en temas ligados ás relacións das artistas co mundo máis inmediato (Familia e relación materno-filial; Muller e traballo) até os que fan énfase no mundo da imaxinación e os soños, pasando por temas como os ambientes, eses "territorios de intimidade" aos que fai mención o título da mostra, ou os procesos formativos, ámbito centrado nas artistas que se forman fóra de Galiza en Madrid ou París, nun ambiente que permite unha maior proxección do seu labor. A proposta conta con setenta obras de trece artisas: Elena Colmeiro (Silleda, Pontevedra, 1932); Carmen Corredoyra (A Coruña, 1893-1970); María Antonia Dans (Oza dos Rios, A Coruña 1922-Madrid, 1988); Lolita Díaz Baliño (A Coruña, 1905-1963); Elena Fernández-Gago (A Coruña, 1940-2011); Mª Victoria de la Fuente (Vigo, Pontevedra, 1927-Madrid, 2009); Gloria de Llano (A Coruña, 1915-1999); Rosina Llamas Fole (A Coruña, 1941-1977); Fina Mantiñán (A Coruña, 1932); Julia Minguillón (Lugo 1906-Madrid, 1965); Beatriz Rey (A Coruña, 1939); Mercedes Ruibal (San Andrés de Xeve, Pontevedra, 1928-Vigo, Pontevedra, 2003) e Concha Vázquez (Santiago de Compostela, 1906-1971).

Compartir el artículo

stats