Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Coloquial, directa, fresca

Realidade feita literatura

Coloquial, directa, fresca

A vida mesma cóase nas páxinas de Iridium, unha novela que vén de ser publicada pola Editorial Galaxia e cuxo autor, Francisco Castro, amplamente coñecido no panorama literario galego, sorprende polo desenfado co que se moven os personaxes, pola maneira en como se dirixe aos lectores e pola forma de expresión elixida coloquial, directa e fresca.

Un correo electrónico, un capítulo narrativo expresado en forma de monólogo e a reprodución dunha conversa de WhatsApp constitúen os formatos a través do cales coñecemos a Iria, unha estudante de primeiro de Bacharelato que tenta afacerse á vida logo de sufrir un accidente de tráfico que lle deixa como agasallo un Dano Cerebral Adquirido que trata de sobrelevar con auténtica dignidade, a pesar das barreiras físicas e emocionais coas que se atopa.

O día a día, os intentos por amosar que todo sexa igual ca antes do citado accidente, as relacións cos demais xa sexa ex-mozo, amiga, compañeiros de clase, futuro mozo ou pais conforman e aderezan o relato que, tendo como eixo central a rapaza de ollos bonitos, introducen perspectivas desemellantes dunha mesma realidade que muda por momentos, que se antolla caprichosa noutros e que se presenta afectada as máis das veces, porque a vida flúe, adoita curvas estrañas, bate con obstáculos inesperados ou inflexiona o rumbo dos acontecementos de forma imprevisible.

Partindo dunha realidade concreta a protagonista na súa mocidade e na reflexión que nace de situacións vividas tenta adoitar unha postura coherente co que fai, pensa e sente. Así, cáseque sen dármonos conta vai o lector valorando e avaliando non só o que transmiten as palabras, senón tamén o que se intúe e que ten que ver con valores como a solidariedade, a empatía, a xenerosidade ou a necesidade de sentirse no mundo.

Nesta ocasión pódese falar da realidade feita literatura. Aristóteles dicía que todas as obras literarias copiaban a realidade, que virían a ser unha recreación das acción dos homes. De aí que, o texto literario non se somete á proba da verdade, porque non é nin verdadeiro nin falso, só é ficción, e ao selo, dálle cabida á versosimilitude. Así literatura e realidade semellan constituúrse en liñas paralelas: a vida propágase e a literatura que nace dela reflite o seu universo infinito.

Velaí a riqueza da arte da palabra, ser capaz de dar resposta a homes e mulleres dos retos que a vida lles depara, de construír un pensamento que os faga libres, de canalizar comportamentos e sentimentos que fai que as persoas se sintan ben, en definitiva, de gozar e aprender constatando que o lector se enriquece cunha nova vida que atopa noutro mundo.

CASTRO, Francisco, Iridium, Ed. Galaxia, Vigo, 2018, PVP. 11, 50 ?

Compartir el artículo

stats