Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xurisdición de abellas

Para vivirmos máis docemente

Xurisdición de abellas

Sempre é un pracer traer ás páxinas de FARO DA CULTURA unha nova entrega da man de Xosé Lois Ripalda. Autor ben coñecido no eido da literatura infantil e xuvenil -onde contamos con títulos seus como Un fachico de contos (1980), As bolboretas brancas (1989), O cabalo ceibe (2004) ou As tortillas do xeneral (2011)-, o escritor nacido en terras de Carballedo devén igualmente alguén especialmente vinculado coa xeira da etnografía: a súa constante indagación na cultura tradicional do país galego, o devezo e afán divulgador, o seu amor polo legado dos devanceiros deron como resultado títulos ben recoñecidos, tales A cultura tradicional do pan (2002), O libro das fontes (2006) ou A cultura do viño (2013).

Pois ben; desta volta, Ripalda está a falarnos dun novo, e apaixonante, territorio -alén de vir gorentar pracenteiramente os nosos sentidos-: trátase, xustamente, dese espazo das colmeas, das abellas, a apicultura..., en fin, o doce mundo do mel.

Ao longo de máis de noventa páxina dun amábel, sinxelo e delicioso roteiro, o noso autor procúranos, daquela, unha ampla información respecto de tan degoxoso manxar. Faino dividindo o seu labor en tres apartados: así, a primeira parte desta sorte de breviario trata verbo das "abellas e o mel". Alí, X.L. Ripalda leva a cabo unha síntese histórica da apicultura a través dos tempos -por exemplo, sen ir máis lonxe das estremas peninsulares, vimos coñecer a presenza de primitivos apicultores nas pinturas rupestres da cova da araña en Bicorpo (Valencia)-, explica asemade a organización dunha colmea, sinala as diferentes clases de mel, debulla a conformación das alvarizas, describe as ferrramentas do apicultor ou aínda os usos e mais os productos derivados do mel para mesmo introducir os lectores na mitoloxía do mel: no antigo Exipto, considerábase que as abellas procedía das cáboas do deus Ra que, ao caer na terra, convertéranse en semellantes animais; no mundo grego, as abellas identificábanse con Démeter, deusa da Terra e das colleitas; Virxilio, Plinio Varrón.... dedicaron anacos da súa obra á temática do mel. A segunda sección do volume, "cultura popular", presenta refráns, ditos e cantigas; crenzas; lendas; contos e, finalmente, frases célebres sobre as abellas e o mel. Xa finalmente, a terceira parte de A cultura do mel presenta un conxunto de receitas culinarias -torradas, hidromel,viño de mel,bombonas...- que, sen dúbida, conforman unha excelente sobremesa. Sobremesa de seu, pero aínda destas saborosas páxinas que lle debemos agradecer como lle cómpre a Xosé Lois Ripalda.

RIPALDA, Xosé Lois, A cultura do mel, Ed. Ir Indo, Vigo, 2018, PVP. 12 ?

Compartir el artículo

stats