Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Relatos do cotián do XIX

Traspasando as fronteiras do tempo

Relatos do cotián do XIX

A aposta de Edicións Laiovento pola tradución de clásicos vén reafirmar a idea da globalización do coñecemento; antóllase unha forma de impulsar, modificar, vehicular a tradición literaria e constitúe unha forza dinamizadora clave na historia da cultura.

Nesta ocasión é o francés Guy de Maupassant e varios dos seus contos, entre os que se atopa o célebre Bola de sebo, os elixidos para amosar e dar a coñecer unha das obras máis significativas da literatura do século XIX.

E da mesma forma que Nataly Kelly escribía no Huffington Post que a humanidade depende da tradución para o seu bo funcionamento , así as letras débenlle ao tourvillais a trascendencia da súa obra. Máis de douscentos setenta contos, seis novelas, tres libros de viaxes e diversos ensaios e poemas valéronlle a admiración dos seus contemporáneos e a louvanza ao seu xenio creativo.

Bóla de sebo e outros contos que Claudio López Garrido traduce para Laiovento recolle doce relatos aparecidos en diferentes obras -"Les soirées de Medam", "La Maison Tellier", "Contes de la Bécasse", "Claire de lune", "Miss Harriet" ou "Toine" entre outros- que aquí amosan un bo exemplo da vida cotiá e real dos homes e mulleres do século XIX: o comportamento individualista e, a miúdo, hipócrita da burguesía na guerra franco-prusiana na época de Napoleón III, a relación do home cos fundamentos establecidos por dita burguesía, o conflito ideolóxico nunha sociedade degradada, a vida dos funcionarios ineptos, o desexo de apariencia ou a historia dun amor non correspondido son recollidos dunha forma, diríamos práctica, en contos como "Bóla de sebo", "Em família", "A palheireira", "As joias", "Meu tio Jules" ou '"Condecorado".

Son todos eles contos realistas que amosan unha destreza narrativa extraordinaria dada a construción dun mundo literario de gran orixinalidade e forza dramática que conserva o vigor e a actualidade a pesar do tempo transcorrido.

Velaí o brío do clásico: ser quen de traspasar as fronteiras do tempo e suscitar o interese de xeracións polo que se narra ou polo que se conta e o texto que nos ocupa é unha boa mostra.

E como non podía ser doutra forma as historias escritas con fluidez e sinxeleza veñen subliñar non só a metódica observación do que o rodeaba senón tamén o excepcional uso de diversos recursos narrativos que o autor manexa con aparente espontaneidade, pero que son produto dunha coidada e esmerada tarefa de revisión á que sometía os seus textos e que o tradutor para o galego tivo en conta á hora de trasladar e verquer na nosa lingua unha obra de semellante importancia. Ampliada e enriquecida con substanciosos comentarios a pé de páxina que o lector valorará moi positivamente.

MAUPASSANT, Guy de, Bóla de sebo e outros contos, Ed. Laiovento, Santiago, 2018, PVP. 14, 90 ?

Compartir el artículo

stats