Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Esculturas de altura

Pepe de Barrio en Lamalonga

Obelisco.

O concello ourensán da Veiga é a porta de entrada ao macizo de Pena Trevinca, onde se atopan as montañas máis altas de Galicia, con picos que superan o 2000 metros. Declarado Municipio Turístico Galego en 2001, garda natureza, patrimonio e esculturas que probablemente sexan tamén as de máis altura do país, situadas como están no teito galaico. Son as que se atopan na parroquia de Lamalonga, realizadas por José Miguel Escuredo Veiga Barrio, máis coñecido como Pepe de Barrio, quen deixou todo o vilar e aínda varios quilómetros á redonda cheo de figuras de pedra a brillaren como o máis puído dos metais. Un fecundo museo nado da man dun artista tardío de profusa imaxinación.

Están en todas partes. En corredoiras, en cruces e en camiños. Á entrada das parroquias -ademais de Lamalonga-, en montes e penedos. Metamorfoseadas na rocha, formando parte da paisaxe, emboscadas entre toxos e carballos. Figuras que chaman a atención de calquera que se adentre nestas fermosas paraxes do ceo de Galicia, tan expresivas como curiosas. Todas nadas da inspiración de Pepe de Barrio, falecido en 2004, aos 87 anos, tras unha febril carreira autodidacta coa que converteu esta aldea de montaña nun lugar único. Guiado só pola súa intuición, Pepe deixou unha prolífica obra que os veciños de Lamalonga queren manter viva a través da web -www.lamalonga.org- e das actividades que regularmente se organizan neste recuncho máxico da xeografía de noso.

Como tantos outros, José Miguel Escuredo regresou dunha emigración que o levou por París e Madrid. Recalou na súa aldea natal e, xa xubilado, o médico prohibiulle traballar no campo. Foi a partir de entón cando comezou a súa intensa actividade escultórica, aínda que desde a infancia demostrara ter unha mente inquieta e creativa. Traballaba a madeira, era capaz de tallar calquera peza, escribía e creou os seus propios museos.

Parte dese legado está en Lamalonga, onde se pode ver desde un xigantesco obelisco de doce metros, á entrada da parroquia, a un Via Crucis situado ao longo da pista forestal da montaña, seguido todos os anos por numerosos devotos. Foi outro dos grandiosos proxectos dun Pepe que xa cumprira os 80 daquela e que aínda cargaba o tractor con pedras para darlles a forma que a súa imaxinación intuíse, aínda que moitas das figuras lembran trazos románicos, un estilo que debeu cativar ao autor.

Cruceiros, anxos, santos, virxes, apóstolos, leóns, flores, reis... centos ou quizais miles de figuras saíron desta artesanía en pedra de Pepe de Barrio, que encheu a súa propia casa de Lamalonga de esculturas, situada na 5ª Avenida, como el mesmo se encargous de sinalizar en pedra.

Home polifacético, como se conta na súa propia biografía escrita pola súa filla Rosa, Pepe "non se conformou coa escultura en pedra e comezou a esculpir madeira para expresar todo un curioso mundo campesiño que as súas vivencias gravaran na súa cabeza, foi o comezo do que posteriormente sería, con nome un pouco pomposo, o museo etnolóxico do Alto Bolo. Empezou a cortar madeira de carballo que enterraba en palla e feo para acelerar o seu envellecemento". Daqueles troncos saíron figuras como a de Sancho no rucio, Don Quixote, Santo Isidro Labrador ou Xesús e os doce Apóstolos, entre outras moitas que conforman o peculiar museo situado na súa casa.

É numeroso o legado deste galego que andou polo mundo e volveu á súa terra de orixe. Ademais do grande obelisco, é coñecido o conmovedor Via Crucis de catorce quilómetros que percorre a Serra do Eixe e que cada Semana Santa convoca a numerosos fieis. Cada mil metros hai unha escultura de granito, cruz e placa en pedra co nome de cada estación e o epígrafe.

O ceo de Galicia

  • Pepe de Barrio esculpiu e escribiu onde Galicia toca teito, preto dos cumes de Pena Trevinca, con máis de 2.100 metros de altura. Se prolífica foi a súa faceta de artesán da pedra, tivo tempo tamén para compoñer prosa, poesía e contos, aínda que esta faceta literaria é menos coñecida. A súa lectura, din os biógrafos, "resulta fundamental para comprender como un home sinxelo se converte en artista. Os seus textos dannos as pautas para coñecer as súas inquietudes, as súas crenzas relixiosas e os seus pensamentos sobre a sociedade actual". Na narrativa, de Barrio deixa constancia dos quefaceres de Lamalonga no século XX a través do calendario agrícola, e lembra aos mozos como era a vida dos devanceiros. A obra poética reflicte como era este escultor autodidacta: así, no poema "Ano 1983 lémbroche con maiúsculas", narra como empezou unha afección que xa non o abandonaría ata a morte. Paga a pena achegarse a Lamalonga para coñecer estas obras de arte e gozar dos moitos atractivos da zona. Moi preto está A Ponte, chea de historias lendarias e con numerosos motivos antropolóxicos e etnográficos que aínda subsisten. A Casa dos Vaqueiros é un deles, cos seus misteriosos gravados de xinetes, animais e figuras de data incerta e de cuxa orixe case nada se sabe, só suposicións acerca dunha posible época prerrománica.

Compartir el artículo

stats