Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Divertido experimento

Irónico catálogo de amantes

Divertido experimento

É Iolanda Zúñiga dona dunha traxectoria máis que singular, cimentada coa forza da sorpresa, pois cada libro é unha sorte de intento de reconstruír a súa poética ex-novo. Ademais, a autora conta co pulo de quen é hábil manexando a linguaxe, estirándoa ao seu antollo e xogando sempre con ela. A súa anterior obra, Periferia (Premio Xerais 2010), era un texto dificilmente clasificable pola súa mestura de subxéneros que nos trasladaba aos suburbios de São Paulo e que acababa por impactar en quen lía, pola súa denuncia implacable da inxustiza social nas súas máis diversas formas, erexida a través da crónica, da reportaxe ou mesmo da canción.

Tivemos que esperar oito anos para coñecer a súa nova proposta: Noites de safari, que nos sitúa ben lonxe de alí onde nos deixara, porque, ademais, desta volta, a súa autora xoga a ser outra. Zúñiga é agora Marleen Malone, o que debemos considerar o seu (primeiro?) heterónimo. Un outro eu que nesta ocasión se emprega para introducirnos nun catálogo de amantes perdidos, unha sorte de dicionario -como amosan os títulos dos capítulos- en que cada letra nos leva a un home diferente: o e, de esdrúxulo, o f, de facha, o l, de lector, o x, de xocoso... (tan só por citar algúns dos máis memorables). Convén aclarar xa que estamos ante un dos libros máis irreverentes da literatura galega dos últimos tempos, dos que provoca o sorriso (e en non poucas ocasións, o riso), dos que non deixa indiferente a ninguén. Porque o seu contido: ás veces erótico, noutras ocasións altamente erótico, en non poucos momentos paródico e case sempre irónico, provocará todo tipo de sensacións en quen le. A vida amatoria de Malone, que ademais de escribir é a protagonista indiscutible destas páxinas, foi habitualmente un completo desastre, onde si a compoñente sexual saíu malparada, a peor parte adoitou ser a emocional. Quizais é neste punto onde a obra se faga máis monótona, porque en ocasións remite a certos tópicos do comportamento de homes e mulleres nas relacións afectivo-sexuais (sexan da índole que sexan) que achegan bastante pouco á narración: "os homes teñen unha facilidade desmedida para dicir quérote. E as mulleres temos unha facilidade desmedida para crer que nos queren".

Fóra disto, este Noites de safari é un experimento literario bastante divertido, non só pola variedade de amantes amosada -onde os desexos, amais, non se corresponden coa realidade: xoguen, por exemplo, a adiviñar, cal dos compañeiros de cama de Malone é o máis excelso nas súas habilidades, xa que levarán unha sorpresa-, senón sobre todo polas reviravoltas que lle dá á lingua galega para conseguir empregar un vocabulario rico e variado, moitas veces moi coloquial, para nomear as os termos e as prácticas sexuais que aparecen. Aquí si se volve ver o selo Zúñiga, do que forma parte indispensable o seu enxeño na construción de oracións, a súa capacidade para combinar palabras e frases. Esta lévaa tamén a empregar todo tipo de elementos da cultura popular (dende marcas comerciais, cancións coñecidísimas, frases feitas, referentes políticos) para retratar a uns personaxes que son tan parodiados dende unha mirada fondamente desmitificadora que acaban por iso resultando humanos. Todo isto fai que o volume sexa altamente recomendable para aquelas lectoras, para aqueles lectores, que procuren unha lectura fresca e divertida, que á vez permite o luxo de se achegar a ela a bocadiños, como se fai cunha obra de consulta.

MALONE, Marleen, Noites de safari, Ed. Xerais, Vigo, 2018, PVP. 18 ?

Compartir el artículo

stats