Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

25 anos de Poder e Ilusión

Encontros da Imaxe de Braga

"Strangers in the light", de Catherine Belet.

Calquera amante da arte contemporánea en Galiza ten visitado con relativa frecuencia, e sen saír do propio país, moi importantes exposicións de fotografía no CGAC de Santiago, MARCO de Vigo ou MAC d'A Coruña, por citar só tres espazos galegos. Así que xa os aviso a Vdes. de antemán que non serán as mostras fotográficas o que deixará pampos aos visitantes que se acheguen a estes "XXV Encontros da Imagem de Braga". E de feito, as exposicións propiamente ditas son, por escala e produción, ben modestas. O verdadeiramente extraordinario e marabilloso destes Encontros é todo o demais. É dicir: unha gran presenza de profesionais internacionais da fotografía (artistas, curadores, editores de fotografía, etc.) a invadir durante a "Opening Power Week" do 23 ao 26 de setembro a fermosa cidade de Braga e, logo diso, toda esa panoplia de eventos paralelos a converter o festival nunha cosmopolita festa da fotografía.

Un fito importante nesa peregrinaxe dos amadores da fotografía á antiga capital da Gallaecia é a lectura crítica de portfolios por especialistas internacionais que escollen no chamado "EI Award" o artista ao que os Encontros adicarán na seguinte edición unha exposición e que, ademis diso, contará coa publicación dun libro por Édition Bassard. Hai mesmo unha glamurosa Gala de entrega dese Premio EI que se celebra no magnífico e decimonónico Theatro Circo de Braga. Esa noite amosáronse os finalistas e, finalmente, o gañador. Tamén está, a "Open Call" dos "autores descoberta" que resulta un reclamo máis do festival. Este ano o tema escollido para esa convocatoria aberta era o do lema do festival: "Power & Illusion" e amosouse en dúas partes: por unha banda, unha selección de traballos fotográficos expostos no Mosteiro de Tibães e, por outra, fíxose unha proxección na Black Box do GNRation. Aí serviron de telón de fondo para un concerto cativador e marabilloso duns braguenses aos que aconsello seguir a pista: Ermo. Unhas voces embriagadoras e un disco no mercado: Amor vezes quatro.

E por suposto, iso todo vai acompañado de mostras por toda a cidade en espazos de enorme interese para o visitante por un motivo ou outro. O citado GNRation, por exemplo, fora un antigo cuartel da Garda Nacional Republicana rehabilitado por mor de ser Braga a Capital Europea da Xuventude en 2012. Velaí tamén a Casa das Bombas, sede do festival, unha linda casa burguesa deteriorada e algo esnaquizada polo paso do tempo que, malia todo, posúe un especial encanto e modernidade como contedor de exposicións. Por non falar do Convento do Carmo cuxos salóns e patios acolleron unha feira de fotolibros e tamén os centos de artistas seleccionados para amosar o seus portfolios aos especialistas. E sobre todos eses espazos, aconsello ir ao abraiante Mosteiro de Tibães, adquirido polo Estado portugués, e cuxa visita resulta imprescindíbel. Velaí un inmenso predio monástico restaurado con enorme mimo que permite albiscar a magnificencia e grandeza da arquitectura barroca braguense.

Daquela, eventos concitadores de moito público e espazos que convidan a ser visitados por eles mesmos e tamén polas súas exposicións. E a todo iso acompáña o adubío dun modernísimo e vangardista empaquetado gráfico, algo por certo que os portugueses adoitan facer noutros moitos eventos e proxectos e que sempre lles dá moi bos froitos. Iso xa poden velo por Vdes. mesmos se entran na páxina web dos Encontros, ou observan o políptico que guía os visitantes dos Encontros pola cidade ou follean o catálogo xeral que se editou: unha aposta editorial e gráfica de grande interese visual que vende extraordinariamente ben o seu produto cultural; tal é así que á vista do material editado semella que estivésemos perante unha programación do máximo nivel, e mesmo parecera que todo iso estivese a se desenvolver noutras latitudes do norte de Europa de grande puxanza económica e creativa, en lugar de nunha sinxela cidade portuguesa.

Lugar: Diferentes espazos de Braga

Data: Até o 1 de novembro

Un outubro fotográfico

  • Este ano os "Encontros da Imagem" están de aniversario: vinte e cinco edicións que foron facendo paseniñamente a fazaña de converter unha pequena cidade do interior de Portugal nunha das citas máis recoñecidas do calendario internacional de festivais de fotografía.De grande interese paréceme a mostra "Illusion Lab of Happiness" do Mosteiro de Tibães, a partir dunha convocatoria aberta, e con nomes como Laurence Rasti a fotografar os homosexuais iranianos agochados ou Catherine Balet a fotografar as nosas vidas todas cheas de móbiles, ipod ou ordenadores portátiles a gravarnos, fotografarnos e fotografar. Pola súa parte, Phil Toledano, no Salón Nobre do Theatro Circo, amósasenos el mesmo transmutado no que podería ser un incerto futuro. Ou o español Carlos Spottorno na tenda B*Concept Store que mostra os escenarios vitais dos PIGS (Portugal, Italia, Grecia e España), estigmatizados pola prensa financeira e de negocios. Ou Colectivo, un grupo de catro fotógrafos portugueses que expoñen no Museu de Arqueoloxía o proxecto "Thin Line", a delgada liña que, tras Shengen, separa e une esa fronteira entre Portugal e España.

Compartir el artículo

stats