Entrevista | Antonio García Teijeiro Poeta

Antonio García Teijeiro: “Aínda hoxe ser creativo é un problema pola uniformidade”

“Están destrozando o ensino público e hai que ser resistentes”, defende o escritor, que publica antoloxía de poemas en Colombia e un novo libro con Kalandraka dedicado á mulleres referentes

Antonio García Teijeiro, co seu libro “Versos inquietos”, publicado en Colombia.   | // ALBA VILLAR

Antonio García Teijeiro, co seu libro “Versos inquietos”, publicado en Colombia. | // ALBA VILLAR / mar mato

Mar Mato

Mar Mato

É un dos autores máis queridos e prolíficos dos versos galegos con xa un cento de libros publicados. Antonio García Teijeiro segue a sumar o seu legado con dúas novas xoias: a antoloxía editada en Colombia para público infantil “Versos inquietos” (Norma) e “Os ecos do vento” (Kalandraka). Con este último, dedica poemas a mulleres relevantes da historia como Beatriz Giménez de Ory, Gabriela Mistral, Gloria Fuertes ou Rosalía de Castro con ilustracións de Noemí Villamuza.No seu fogar en Vigo, rodeado do que máis quere –entre o que se atopan os catro cadros que lle realizou Alberti e o retrato que lle perfilou Aute– Teijeiro amosa os dous novos traballos como dous fillos na incubadora.

–Como naceu o proxecto da antoloxía para o público de Colombia?

–Formalizouse cando estiven alí o ano pasado na Feria Internacional del Libro de Bogotá. Hai un editor, conferenciante e moi versado na literatura infantil e xuvenil, que se chama Fanuel Hanán a quen sempre lle gustou a miña poesía. El di que ten unha dimensión universal. Cando estiven en Bogotá, falei con el e díxome que quería preparar unha antoloxíaen castelán de poemas meus. É coa editorial Norma, a máis importante de Colombia. Gustoume especialmente polo interés mostrado, porque seleccionaron os poemas aos que acompañan as ilustracións de María Fernanda Mantilla. Non me ilusiona xa que traduzan os libros a outros idiomas, prefiro algo con entidade. Con cen libros publicados, esta antoloxía é unha motivación extra porque chegas a outros lectores. Ademais, amo profundamente América Latina.

O ESCRITOR ANTONIO GARCIA TEIJEIRO FOI CONVIDADO Á FEIRA DO LIBRO DE BOGOTÁ O PASADO ANO.

O ESCRITOR ANTONIO GARCIA TEIJEIRO FOI CONVIDADO Á FEIRA DO LIBRO DE BOGOTÁ O PASADO ANO. / G.T.

–Por que?

–Alí atopei os lectores máis cálidos, con máis interese, que valoraban a literatura, a poesía e os autores. Sempre foi un punto especial.

–“Versos inquietos” é un título moi aquelado.

–Propuxeron varios e ese pareceume fenomenal. Son versos que están aí bulindo para chegar moi dentro. Son de diferente temática, incluída a de denuncia e o lúdico. Penso que a poesía debe moverse entre o lúdico e o lírico. Hai que educar a sensibilidade das persoas e estas edúcanse no xogo e nos sentimentos íntimos.

–Nestes poemas está tamén presente o oboe, por que se repite tanto este instrumento na súa obra?

–É un instrumento que me encanta. É moi lírico, non é estridente. Gústame moito a música clásica, reláxame, faime recuperar o sentimento de min mesmo.

ANTONIO GARCIA TEIJEIRO CO SEU NUEVO LIBRO " VERSOS INQUIETOS " PUBLICADO EN COLOMBIA.

ANTONIO GARCIA TEIJEIRO CO SEU NUEVO LIBRO " VERSOS INQUIETOS " PUBLICADO EN COLOMBIA. / Alba Villar

–A verdade é que estes poemas poden ser unha ferramenta extraordinaria para ensinar aos nenos distintos conceptos. Axúdalles a ensanchar a mente.

–É moi importante que se vexan reflectidos os seus intereses. Por outra parte, hai que darlles outro tipo de poemas para que os fagan xogar e pensar. Esquécese iso. Todo se enfoca cara o éxito, o triunfo, o diñeiro... É moi triste ir a un colexio e que che pregunten canto gañas. O que procuras é ensanchar o seu mundo e ofrecerlles algo que lles poida axudar a medrar internamente. Esta é unha época de pantalliñas mal empregadas e creo que o libro ten un labor importante para desatascar moitas cousas que teñen os rapaces. Lévame preocupando anos.

–Na teoría e na práctica.

–Fun un pioneiro na literatura infantil e xuvenil en Galicia. Cando non había nada, inventaba: desde bibliotecas escolares a bibliotecas persoais, encontros... e en galego. Sempre intento implicarme ao máximo e transmitir a miña paixón por algo no que creo. Iso reflíctese nos poemas. Unha persoa no Facebook díxome que os rapaces foron medrando cos meus poemas e dábanme as grazas. Eu facía traballo de campo, non de urna de cristal. Implicaba á xente, a mestras e mestres para que utilizaran a poesía como algo fundamental no traballo docente.

O POETA GARCÍA TEIJEIRO POSA NA SÚA CASA EN VIGO.

O POETA GARCÍA TEIJEIRO POSA NA SÚA CASA EN VIGO. / ALBA VILLAR

–Moitas mestras e profesores quéixanse de que a presenza da poesía e da literatura mingúa.

–Estáselle dando aquí as costas. Hai uns anos parecía que había unha subida pero agora relaxouse. A palabra literaria é moi importante. Parece que os poetas son de segunda e non é certo. Vendes menos pero a satisfacción que che produce que confíen as editoriais en ti é un agasallo. Moita xente alegrouse de que me deran o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil; iso foi moi emocionante. Os premios son o que son, pero notar a calor da xente é importante.

ANTONIO GARCIA TEIJEIRO, NO CLUB FARO DE VIGO.

ANTONIO GARCIA TEIJEIRO, NO CLUB FARO DE VIGO. / José Lores

–No sistema literario, hai unha contradición. Moita xente considera a poesía como algo excelso pero ao mesmo tempo vende menos, quizais porque require máis esforzo ao descodificala?

–Exactamente; e sabes que inflúe niso? Desde abaixo, non se lles puxo libros de poemas aos nenos. O importante é empezar dende a Educación Infantil, que estean en contacto coa poesía e co que significa a poesía. Teño feito encontros e os mellores sempre foron os de poesía. Aos nenos encántalles se hai alguén que lla poña nas mans. Son os maiores os que lle teñen medo á poesía porque non foron educados niso. Considerána complicada. Claro que esixe un esforzo pero cando chegas dentro o pracer é enorme e non a deixas. O lectorado de poesía vai sempre medrando moi pouco a pouco. O lector de poesía nunca deixa de selo de adulto. Nos últimos anos como profesor, facía obradoiros de poesía con rapaces de primeiro a cuarto da ESO. Podo dicir que a algúns lles cambiou a vida. Rapazas e rapaces que eran conflitivos nesas aulas de poesía facían cousas marabillosas.

–Mais como conseguilo?

–Aos rapaces, se os motivas, responden. Se lle amosas a poesía como un anaco dunha páxina dun libro de texto... nada. A poesía hai que sacala do libro. Os nenos deben aprender a querer as palabras. Estas non sempre son inocentes.Vivimos unha época moi fría e necesitamos a calidez da palabra literaria en xeral. Vivimos bulos, mentiras, insultos, insensibilidades....

–Vostede comentaba antes o caso dunha profesora que hai anos se queixaba de que lle quitaran a creatividade.

–Aínda hoxe ser creativo é un problema. Tendemos a un pensamento único, á uniformidade creativa e vital. Hai que sacar fume aos libros, discos, pinturas... porque fan máis humano ao ser humano. Os poemas hai que sacalos do libro, para que sexan autónomos. Todas as miñas clases comezaban cos nenos lendo un poema. Eu dicíalle que o leran, que intentaran entendelo facendo o poema seu, non pensando no que quixera dicir o poeta. Falar dun poeta morto como Lope de Vega... Esa información poden atopala en internet. O importante é que cheguen ao fondo das obras literarias. Inda que agora a estrutura educativa non axuda: enchen ás mestras e mestres dunha burocracia brutal que acaba con eles. Están destrozando o ensino público e hai que ser resistentes.

Suscríbete para seguir leyendo