andrea maceiras | Escritora

“Nada marca máis que as lecturas da nenez e da adolescencia”

“É posible facer unha literatura galega infantil e xuvenil que esperte interese e iso é unha satisfacción moi grande”

A. Maceiras.   | // E.ESMORÍS

A. Maceiras. | // E.ESMORÍS / m. gonzález

M. González

M. González

Andrea Maceiras (A Coruña, 1987) ven de gañar o Concurso de Narrativa Infantil Vila d’Ibi 2023 coa súa novela Siempreviva, que trata temas como a ecoloxía ou o respecto á terra. Este novo libro da autora, gañadora de galardóns como o Premio Jules Verne (Europa Express, 2015), o Lazarillo (Cuenta nueve estrellas, 2018), o Merlín (A folla azul, 2020) ou o XIX Premio Anaya (Alma de elefante, 2022), vaise publicar o vindeiro mes de abril, coincidindo co Día do Libro de 2024.

–Novo premio para a colección.

–Nunca son algo que eu espere pero supoñen un pulo, un ánimo para seguir facendo, para seguir traballando e adicándome á literatura.

–¿Temas como a ecoloxía ou o respecto a terra conectan ben co público xuvenil?

–Son temas que a min me interesan especialmente e considero que tamén lle interesan á infancia. É curioso que esperten tanto interese nesas idades, pero si que observo esa conexión dos nenos e das nenas coa natureza, coa preocupación ecolóxica.

–A protagonista, Senda, atopa un brote onde non crece nada. É unha metáfora sobre os froitos que pode dar esa labor de sementar a conciencia ecolóxica nos máis novos?

–A historia arrinca cunha nena que chega a un lugar desolado, onde todo é terra vermella. Ela está afeita a vivir en lugares marabillosos pero ó chegar a Sempreviva esa aridez da terra, esa contaminación, prodúcelle unha sensación de desolación absoluta e ver ese brote verde é unha esperanza para ela.

–Tamén fala da soidade...

–Ó ver ese brote verde ela sinte que existe un ser vivo máis xunto a ela, porque ten unha asistente virtual (Centinela) como coidadora, que non completa a parte emocional neses coidados.

–Vendo o futuro que nos agarda. Hai que coidar máis as relacións persoais?

–A novela ten un ton distópico, pero que está moi próximo. Esta nova era da intelixencia artificial, que suscita tanta polémica en moitos aspectos, é xa unha realidade. Non resulta tan incoherente que, nalgún momento, o coidado de nenos e nenas, e mesmo a educación, pase por intelixencias artificiais. É unha realidade á que, se cadra, nos estamos acercando máis rápido do que nos parece e sobre a que deberiamos reflexionar.

–Crea certo desacougo. Estamos preparados para iso?

–Crea moito desacougo, pero estamos preparados, como estamos preparados para todo, se o facemos con sentido común e aproveitando a parte positiva que nos pode traer todo este cambio.

–Realidades das que hai que falar.

–Calquera escritor ou escritora é fillo do seu tempo e estes son os tempos que estamos a vivir. Son os cambios que nos afectan e nos preocupan, tanto ós adultos como tamén na infancia ou na adolescencia.

–Que percibe nos máis novos?

–Son, máis ou menos, como eramos nós, pero noutro contexto. Ese tipo de intereses, preocupacións, medos, emocións, esa intensidade característica da adolescencia, a lucidez que se da nesta etapa, segue a ser a mesma, pero doutra maneira. Temos que entender ós nosos adolescentes dende unha perspectiva aberta e non pensar que porque os tempos cambien, cambie esa esencia.

–O uso das tecnoloxías, por exemplo, está a crear debate.

–Eu non creo que prohibir sexa a solución. A prohibición, ademais, nesas idades é moi tentadora. Eu creo que a clave está na educación, na tranquilidade á hora de permitirlles ós adolescentes explorar a vida. Ás veces non sei se lles damos suficiente marxe para que cometan pequenos erros, para experimentar, para que atopen a súa propia identidade. Eu nin estou a favor e demonizar a adolescencia nin penso que a xente nova teña nada de negativo, todo o contrario. En moitos sentidos son máis conscientes, máis abertos e tamén máis autónomos do que fun eu con esa idade.

–Esa conexión é mutua, xa que en 2020 gañou o premio dos Clubes de Lectura da Consellería de Educación como a autora máis lida.

–Foi un dos premios máis fermosos que me puideron conceder porque ven, sobre todo, do lectorado adolescente. Saber que ese público obxectivo ó que vai adicada a túa obra ten interese por ela, a considera, a aprecia e que a le é o maior premio que pode exisitir.

–Sempre ten presente unha frase que atopou nunha pintada na parede do pavillón do seu instituto: “O arte empeza no punto no que vivir non basta para expresar a propia vida”.

–Eu sempre digo que nada marca máis a unha persoa que as lecturas que fixo na adolescencia ou na nenez, que son momentos clave nos que, se atopas un referente, realmente configura a túa identidade, ou axuda a iso. Penso que foi o que me pasou con esa pintada, que nunca a esquecín, e que cos anos foi cobrando maior verdade e maior peso. E define moi ben o que é para min a arte.

–Agora as súas obras contribúen tamén a formar a identidade de outros.

–Os que nos adicamos a escribir literatura infantil e xuvenil facémolo coa responsabilidade que supón. A clave para achegarse a estas idades, ademais, é a liberdade. A liberdade nas escollas, a posibilidade de que exista un abano amplo, heteroxéneo, de libros destinados a estas idades é o que resulta interesante. Tendemos a considerar a infancia e a adolescencia como burbullas illadas na nosa sociedade e os nenos e os adolescentes, ó igual que as persoas maiores, forman parte do noso mundo. Moitas veces é peor non falar de certas cousas, que queden mal entendidas ou pouco procesadas emocionalmente, que expoñelas abertamente, dende unha perspectiva adecuada, sen perder de vista a este público.

–Podemos falar dun bo momento da literatura infantil e xuvenil galega?

Gozamos dunha literatura infantil e xuvenil en Galicia marabillosa. Non podo falar como voz da miña xeración, pero o meu motivo para escribir literatura infantil e xuvenil é porque, ademais de que considero que son etapas que te marcan para sempre no teu desenvolvemento como persoa, tamén é certo que o feito de ler en galego sendo neno, nena ou adolescente, aumenta as túas posibilidades de ser nun futuro lector ou lectura de literatura galega e creo que iso fai que aquí en Galicia traballemos con moita máis ilusión. É posible facer unha literatura galega infantil e xuvenil que esperte interese e iso é unha satisfacción moi grande.

Suscríbete para seguir leyendo