Gago: “A idea da Galicia moderna non foi creada aquí senón na Habana ou Bos Aires”

O profesor da USC e organizador de exposicións do Xacobeo resalta que “Galicia é un territorio pero sobre todo unha idea. Foi necesario que sairamos para coller perspectiva”

Cipriano Jiménez presentou a Manolo Gago. |   // PABLO HERNÁNDEZ

Cipriano Jiménez presentou a Manolo Gago. | // PABLO HERNÁNDEZ / mar mato

Mar Mato

Mar Mato

“A Galicia moderna que entendemos non foi creada aquí. É algo que nos debe enorgullecer. Foi creada en La Habana, Buenos Aires, Montevideo. Foi necesario que os galegos sairamos fóra para coller perspectiva e de repente vela”. Este alegato na defensa do peso da emigración na conformación do idearium colectivo de país e nación foi realizado onte no Club FARO por Manolo Gago, director do portal Cultura Galega do Consello da Cultura Galega, profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación e escritor.

“Foron –engadiu– os emigrantes no século XIX os que foron financiando revistas, libros... ‘Cantares gallegos’ foi impreso aquí en Vigo e foi financiado polos emigrantes. Mesmo a Real Academia Galega e todo foi construído alá no século XIX e XX”.

A charla de Gago veu apoiada pola Asociación Pertenza que contou con Cipriano Jiménez para presentar a conferencia destacando o currículo do orador así como o seu talento organizando algunhas das exposicións máis destacadas que se viron en Galicia e sobre Galicia nos últimos anos: “Galicia, un relato no mundo” e “Cidades no tempo”. Precisamente, esta última en poucos meses recalará en Vigo e Gago adiantou que haberá sorpresas “bonitas”.

Ao longo da súa intervención, Gago presentou e deu detalles de varios obxectos chave para a historia de Galicia. A elección destes obxectos foi unha decisión meditada e estudada. Explicou que se ben a meirande parte da poboación pode destacar varios monumentos importantes para narrar o devir do país, non ocorre así como artiluxios ou ferramentas.

Na súa defensa, indicou que “os obxectos espertan unha enorme empatía, transmiten grandes historias”, de aí que sexan necesarios para “construír unha nova narrativa” sobre o país. “Cando construímos anosa memoria na sociedade galega facémolo a partir de monumentos pero se preguntamos sobre pezas icónicas, de arte, do noso pasado, moita xente non sabería que dicir. Somos un país que a penas ten memoria dos obxectos”, engadiu.

O primeiro seleccionado para comezar o percorrido foi un vaso campaniforme de hai 4.000 anos que foi atopado nunha mámoa de As Pontes (A Coruña) e que presenta decoración de cunchas de croques. Gago explicou que esta peza é igual a outras atopadas noutros lugares afastados de Europa co “nexo común” de que son todas zonas de penetración do mar ou están a carón de ríos navegables. O importante é que mostra que os galegos daquela xa comercializaban con obxectos de diferentes zonas de Europa.

Outro achádego que o verifica é o Colar da Chousa Nova, localizado nunha mámoa debaixo doutra mámoa en Silleda. Esta xoia de hai 6.000 anos presenta contas de minerais que proceden de Sicilia o que evidencia unha vez máis “as redes de comunicación” da época co noroeste peninsular.

Uns obxectos nos que tamén se parou foron as espadas de lingua de serpe dos ríos galegos de hai 3.500 anos. Sinalou que eran depositadas los leitos dos fluviais como ofrendas, o que conecta coa lenda artúrica de que Excálibur é entregada nun lago ao rei Arthur. “As vellas historias chegan ata nós nun imaxinario compartido” que se expande polos países fans do rei Arthur”, indicou Gago.

Por outra parte, tamén amosou fotos dun ungüentario bizantino dos séculos V a VII da nosa era e que forma parte dos fondos do Museo do Mar de Vigo. “Vigo era moi importante nesa época cando o Imperio Romano entra en decadencia chegando os combatentes xermánicos e comezando no noroeste o primeiro reino de Occidente, o dos suevos”, explicou Gago.

Ese ungüentario así como a cerámica ewere –con posible orixe aquitana, de Burdeos– son unha mostra máis da importancia do porto vigués naquela altura nas rutas de circulación de mercadorías naqueles séculos, o que evidencia segundo o conferenciante que Galicia floreceu economicamente ata o século VIII mesmo coa caída dos romanos.

Unha moeda estraña e fascinante que presenta “o primeiro símbolo de Galicia”

Outro obxecto que abraiou foi o dupendio da caetra, unha moeda que recolle nela o nacemento da lingua –a partir do latín– e da nosa identidade entre os antigos pobos norteños e os romanos. “A nosa lingua naceu nunha confrontación, vén dunha guerra”, subliñou o profesor e escritor, ademais de blogueiro pioneiro. Trátase dunhamoeda acuñada en Galicia que circulou practicamente só polo noroeste e que se ten atopado sobre todo en castros das Rías Baixas e Lugo. Nunha faciana, aparece a cara de Augusto cunha palma símbolo da victoria. Lembremos que esta parte do noroeste e Cantabria foron as últimas en ser romanizadas. Pero nesa mesma cara á dereita vemos un caduceo, símbolo do deus Mercurio e símbolo dun pacto, acordo que igual foi clave para romanizar Galicia “que non ten a cultura romana que teñen outras partes da península”. Indicou que curiosamente o maior número de altares dedicados a Mercurio na Hispania atópanse en Galicia que tamén ten o maior número de miliarios romanos (que denominou marcos) xa que ese mesmo tamén era o deus dos camiños. Por detrás vemos “o primeiro símbolo de Galicia”, un escudo de armas con puñais e espadas que levaban os guerreiros castrexos.

Suscríbete para seguir leyendo