Sempre é un agasallo para o intelecto e o corazón escoitar a Antonio García Teijeiro pero tamén abrir un libro seu e gozar da súa musicalidade. A súa última obra, a número 81 de toda a súa carreira, “Se falases de min” (Editorial Elvira), foi presentada onte no Club FARO onde resaltou: “Creo na arte como elemento transformador do ser humano”.

No Auditorio do MARCO, estivo arroupado o creador por familiares, amigos e lectoras, pero especialmente polo alcalde de Vigo, Abel Caballero; e o concelleiro de Cultura, Abel Losada.

Caballero, que acudiu aos primeiros minutos da presentación, accedeu a pronunciar unhas verbas sobre o poeta. “Estamos ante un libro excepcional, unha obra mestra”, sinalou, ao tempo que louvaba os dous eixos temáticos da mesma: as follas das árbores e a música.

O rexidor tivo palabras de recoñecemento para o editor, Javier Romero, así como para o equipo que traballou no poemario e no disco, pero tamén para o condutor do evento, o xornalista Jacobo Buceta, de quen resaltou que as súas entrevistas e informacións sobre o Celta son “literatura oral”, poesía radiofónica.

O mandatario vigués subliñou que García Teijeiro é vigués distinguido e que “é unha honra para esta cidade ter un vigués distinguido coma ti”.

Esta foi a introdución oratoria dunha presentación de luxo na que a palabra e a música foron as protagonistas. De feito, con música comezou o acto, coa canción enlatada “Se falases de min” interpretada por Paco Ibáñez mentres se vían imaxes deste enorme artista e García Teijeiro na pantalla de proxeccións.

Recoñeceu o editor, Javier Romero, que a de onte foi unha “das presentacións máis bonitas e máis difíciles de facer” e que o fío de conexión á persoa de García Teijeiro foi Aute, cantautor fetiche para a Editorial Elvira que anos atrás publicou “Aute canta a Oroza”.

Romero aproveitou para destacar o “compromiso cultural” de García Teijeiro e o enorme traballo realizado para “Se falases de min”, obra á que se referiu como “un artefacto”, por ser un proxecto no que teñen colaborado diversos artistas como os irmáns Cunha á hora de musicalizar media ducia de poemas, ao pintor Xulio García Rivas polas creacións artísticas para o libro; a Susi Fernández, Héctor Ramos e Anxo Cabada polas fotos; e ao escritor Jordi Sierra.

Para comprender esta obra, primeiro hai que explicar que abrangue tres partes. A primeira son poemas de García Teijeiro sobre as follas, a vida e o paso do tempo maila creación poética. Cadros de García Rivas vanse alternando entre os devanditos poemas. Na segunda parte, aparecen letras de cancións e reflexións de Teijeiro sobre cantantes e grupos preferidos seus como Dylan, Oasis, Cohen, Nirvana... alternados tamén con obra pictórica de Rivas e que sempre culminan cun breve texto a modo de conclusión reflexiva de Jordi Sierra. A terceira parte compona un cedé con 20 temas nos que se poden escoitar seis poemas de García Teijeiro deste libro musicalizados e cantados por Alberto Cunha; “Se falases de min”, con música e voz de Paco Ibáñez e creacións recitadas por Teijeiro, ademais de tres bonus track nos que cantan Ibáñez mailo poeta vigués, na actuación ofrecida no Terraceo do Mar de Vigo o pasado mes de xullo.

Confesou García Teijeiro –Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil do Ministerio de Cultura–“sentirse homenaxeado” con esta obra polo mimo e atención coa que se elaborou ao tempo que aproveitou para sinalar que “a maior satisfacción como poeta que podo ter é que Paco Ibáñez cante un poema meu en galego”, mesmo nos seus concertos en Latinoamérica.

Engadiu tamén que “a música no poema é un elemento para que as palabras cheguen ao corazón” e que “un poema se non se pode dicir en algo é que algo está fallando nel”.

O fermoso acto de onte incluíu ademais a actuación de Alberto Cunha que interpretou de xeito soberbio “Que leve o vento” e “Estrela fugaz” que foron aplaudidos a rabear polo público que tamén ovacionou a Teijeiro ao recitar un poema de seu. “A nena sentiu algo extraño na alma, dubidou e fechou a porta, a nena comprendeu tal vez que aínda non estaba preparada para camiñar”.

“A liberdade e a xustiza social estanse esquecendo”, lamentou o poeta

“A poesía non quere dicir nada, pero di moito e serve para a reflexión e para coller forzas nun compromiso necesario na procura da liberdade e da xustiza social que tanto se están esquecendo nestes momentos”, resaltou onte Antonio García Teijeiro na presentación do seu último poemario, “Se falases de min” (Elvira). Tras estas palabras, engadiu que quería pronuncialas como contraposición “ao que está ocorrendo, ás mentiras que se están dicindo. Como se lle pode chamar á victoria de Giorgia Meloni unha victoria de centro-dereita? [realmente é extrema-dereita] A min, todo isto dóeme. Eu son unha persoa que sofre diante da inxustiza e diante da mentira e da manipulación. Tiña que dicilo”, o que ergueu un aplauso profundo entre as persoas asistentes. Teijeiro seguiu no seu discurso falando da poesía: “Creo na súa bondade infinita; e se miro ao meu redor miro as sombras do fascismo moi preto; canso de tanto odio, de tanta mentira interesada, do descaro de tantos líderes políticos que só buscan manter os privilexios tendo en conta aos favorecidos e esquecendo os desfavorecidos, o poder terrible do capital que se leva por diante tantas cousas. Éntrame un medo enorme e refúxiome na música e no poesía porque a poesía dinos a cada un que a lemos cousas diferentes”.