“Eu considero que Florencio Delgado Gurriarán foi un poeta circunstancial: fai poesía en defensa da lingua, da cultura e da identidade”. Así o expresou Ricardo Gurriarán, historiador, escritor e gran coñecedor da figura á que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas, como investigador, biógrafo e por proximidade familiar. Ricardo Gurriarán é sobriño de Florencio e no acto conmemorativo do Día das Letras celebrado onte no Club FARO describiu os momentos máis significativos da vida do poeta de Valdeorras, exiliado en México durante catro décadas. “Foi un home sensible, intelixente e firme no seu ideario”, afirmou Ricardo, que afondou na biografía do homenaxeado deste ano. O martes, Día das Letras, toda Galicia e América lembrarán á voz do “Cancioneiro da loita galega”, unha obra publicada polo Partido Galeguista de México en 1943 (editada agora como facsímile) e na que Florencio participa como autor xunto a outros poetas.

“As Letras de Florencio Delgado Gurriarán”, baixo este título o Club FARO celebrou a charla-coloquio en conmemoración das Letras Galegas. Acompañaron a Ricardo nas exposicións sobre o homenaxeado Margarita Ledo Andión, doutora en Ciencias da Comunicación e membro da Real Academia Galega, e Xosé Ramón Pena, doutor en Literatura Galega e coordinador do suplemento cultural do FARO, nun acto presentado por Manuel Bragado, docente, escritor, editor e colaborador deste xornal.

“Florencio ata os seis anos fala e xoga na rúa en galego, pero as primeiras letras recíbeas en castelán. Logo virían Ourense, Palencia, Valladolid, onde remata a súa formación en Dereito”, expresou Ricardo.

“Pola súa actividade no Partido Galeguista, cunha relación con Otero Pedrayo moi importante (chegou a crear unha hermandade galeguista en Valdeorras no ano 30 con 90 afiliados, que para aquel tempo e nun lugar como Valdeorras era moita xente e tamén naquel tempo chegou a ser o equivalente a alcalde), no 1936 tivo que fuxir, pero como el mesmo dixo: ‘sen calar’”, comentou Gurriarán, que apuntou que Florencio se disfrazou de topógrafo e pasou a Portugal, despois Barcelona e América: México.

A súa actividade só empezaba. Foi poeta, activista político e cultural, participando en numerosas publicacións dende México. “Puxeron a andar a irmandade galeguista nese país, o ateneo republicano, varias revistas... O importante ‘Cancioneiro da Loita Galega’, do que foi responsable editorial”, apuntou Ricardo Gurriarán.

“Foi un poeta comprometido e cun itinerario coherente. Nas décadas de exilio, veu a Galicia en tres ocasións. A primeira foi no ano 68, foi a única vez na que chorou. Nesta ocasión veu para despedirse dos maiores. Ao chegar ao seu lugar de orixe emocionouse coma un neno pequeno. Da segunda vez veu coa idea de retomar os ideais do Partido Galeguista que el tiña en mente, pero deuse conta de que había diferenzas co galeguismo dese momento en Galicia. A terceira vez que viaxou á terra foi no 81 e neste caso houbo un recoñecemento á súa actividade e á súa obra, incluso se encargou de ler un pregón nas festas.Houbo un recoñecemento do galeguismo”, asegurou Ricardo.

Margarita Ledo, pola súa parte, falou do papel de “Vieiros”, subtitulada como “Revista do Padroado de Cultura Galega de México”: unha revista galega, cultural e literaria, creada en México en 1959 que deixou de editarse en 1968, tras publicar unicamente catro números. Tiña carácter cultural, antifascista e galeguista e o seu obxectivo era crear unha publicación galega de calidade no exilio e servir de ponte entre exiliados e galegos en España. “Sendo unha revista con só catro números converteuse nun referente”, indicou Ledo, que destacou o papel de Florencio Delgado Gurriarán como parte fundamental da xeración do exilio mexicano, unha xeración “comprometida nos medios, naquela sociedade, ademais, a dos medios de comunicación de masas”. Reflexionou tamén Ledo sobre as diferenzas entre Florencio Delgado Gurriarán e Luís Soto, outro referente do galeguismo.

No ano 1968 aparece a primeira referencia en FARO DE VIGO a Florencio Delgado Gurriarán

“A primeira vez que aparece Florencio Delgado Gurriarán no Faro de Vigo foi en agosto de 1968, con Álvaro Cunqueiro. Foi na sección ‘Gallegos por el mundo’: ‘Un poeta visita la tierra natal’, era o artigo que falaba del. Máis adiante el mesmo publicou no FARO un texto en galego que foi moi significativo, sobre o papel dos galegos na nova España”, apuntou no acto o presentador do mesmo, Manuel Bragado. Segundo Xosé Ramón Pena, que realizou unha exposición sobre o perfil de Florencio Delgado como escritor, activista e creador: “trátase dun poeta que se inscribe dentro da vangarda enxebre pero que como autor ten moitas outras direccións”. “Trátase do poeta dionisíaco máis contundente da literatura galega (polas súas referencias a viños e licores). Tamén foi moi importante no eido da literatura erótica, xa que non era moi habitual naquel tempo este tipo de escrita”, comentou Pena, doutor en Literatura Galega. Expresou, ademais, que Florencio Delgado Gurriarán mostraba numerosas referencias musicais, “o que demostra un gusto e un coñecemento da música e do baile moi importantes, tanto de Galicia como de México”. Ademais, “é un excelente poeta da paisaxe”, engadiu Pena, que considera tamén interesante a parte de “combate e intervención”.