“Ferrín considera que o mellor da cultura galega foi iniciado na cidade de Vigo”. Esta foi unha das frases destacadas que pronunciou onte Manuel Bragado durante a presentación do novo libro do Xosé Luis Méndez Ferrín, a reedición de “Vigo, fronteira do alén” (Ir Indo).

Bragado recoñeceu cun sorriso ante os espectadores do Club FARO que esta aseveración pode ser motivo de “polémica” ante outras cidades galegas que lle disputen tal mérito.

Tanto Bragado como Bieito Ledo, este último editor de Ir Indo, excusaron aos asistentes que Méndez Ferrín non participara no acto do que, nun inicio, ía ser protagonista. Ledo explicou que non podía asistir “por recomendación médica” que lle fixera o doutor poucas horas antes do evento, sen que a organización do Club FARO tivera tempo material para artellar unha conferencia en streaming ou mesmo a notificalo con tempo.

“Había a posibilidade de suprimir o acto pero el mesmo dixo que na honra del, do libro e dos amigos que tiña que desexaba que se celebrase”, sinalou Ledo, de aí que tanto el como Bragado aceptasen a carga de guiar o evento ao que acudiron familiares como a súa filla Oriana Méndez e diferentes personalidades, entre elas, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; e o pintor Antón Pulido.

Bieito Ledo. Ricardo Grobas

"Hai 34 anos este libro foi toda unha novidade no sector editorial de Galicia"

Bieito Ledo

Por certo, unha obra deste último foi seleccionada para a cuberta de “Vigo, fronteira do alén”. Ese deseño da portada presenta unha vista do Berbés con xente mariñeira a traballar na descarga do peixe e coa cidade de fondo, comandando o amarelo e azul as tonalidades.

No interior, o libro presenta fotografías de Xulio Gil –que tampouco acudiu ao Club onte por mor das consecuencias sanitarias da pandemia– que xa na obra orixinaria da primeira edición se mostraban. Respecto a cando se editou por primeira vez, Bieito Ledo rememorou que se presentara dun xeito diferente ao actual.

Naquela altura, tratábase dun libro de 30 centímetros por 30 centímetros –a edición nova ten dimensións máis reducidas que permiten manexar de xeito máis doado a obra– que daba moitísima importancia á imaxe así como á palabra.

“Hai 34 anos foi unha novidade este libro no sector editorial galego”, subliñou Bieito Ledo, quen rememorou que as publicacións sobre Galicia que se facían naqueles tempos proviñan de fóra e estaban inzadas de “tópicos”, en referencia ás típicas imaxes vinculadas á paisaxe e ao país galego. “Non había unha reflexión sobre a nosa realidade”, indicou.

Manuel Bragado Ricardo Grobas

"Esta obra é unha crónica da cidade de hai máis de tres décadas"

Manuel Bragado

Sen embargo, “Vigo, fronteira do alén” era distinta porque nela Ferrín ía e vai a cabalo da narrativa e o teatral.

De feito, o percorrido que nos propón parte da igrexa románica de Castrelos no comezo dun diálogo –que durará todo o libriño– entre unha dona, Lampetusa, e un mozo, Sponsor. Para ela, Vigo supón “un pequeno mundo. Unha síntese, polo menos, da existencia histórica de Galicia, da nosa patria”.

A través dese diálogo van explorando espazos da cidade-bisbarra-mundo, pero tamén a súa toponimia, tanto a que figura nos rueiros como a que é herdada de xeración en xeración. Refírese a lugares, de límites imprecisos, como Peniche, o barrio de Casablanca, As Travesas.

Ler este libro é percorrer a cidade, como era hai case 40 anos, pero tamén o que conseguiu sobrevivir aos sobresaltos dos aterrados no mar, a industrialización, especulación urbanística e o propio paso do tempo e das modas. Bragado apuntou: “Constrúe unha crónica do Vigo de hai máis de tres décadas”.

No libro, sinala Ferrín que esta obra “quixo escribirse á sombra do pensamento histórico-xeográfico de Ramón Otero Pedrayo. Invitábanos o mestre a sentir Vigo, non como unha cidadade senón coma unha bisbarra” ou coma “un resumo das diferentes morfoloxías nas que Galicia pode revelarse”.

E esa revelación chega tamén pola lingua, cando presta atención ao “slam rico” –a fala propia da urbe– só descifrable polos vigueses que saben de que se fala ao oír verbas como chaíñas, choio, ghicho ou caldeiro, apuntou Manuel Bragado cara o final da súa intervención. Por todo isto, Bragada defendeu este libro por establecer “un diálogo entre a memoria e o futuro, diálogo que todas as comunidades deben afrontar en momentos decisivos da súa historia”.

O autor que marcou o inicio da modernización da expresión poética galega

Xosé Luis Méndez Ferrín naceu no ano 1938 en Ourense. Foi membro fundador do grupo Brais Pinto en Madrid no que coincidiu con outros autores como Bernardino Graña. A súa obra de poesía e novela está nutrida de diversos títulos entre os que destaca “Con pólvora e magnolias”, editada no 1976. Consideran as expertas e estudosos que con este poemario comeza unha nova etapa da poesía contemporánea.

Se o papel de Ferrín foi sobranceiro na poesía do país, tamén o foi na novela xa que impulsou a Nova Narrativa con “O crepúsculo e as formigas” (do ano 1961) así como con “Percival e outras historias”. O autor presidiu tamén a Real Academia Galega (RAG) entre os anos 2000 e 2013. Neste último, presentou a súa dimisión como presidente e como membro numerario da entidade nunha carta na que sinalaba que “académicos e académicas, unidos a persoas externas, fixéronme sentir que eu non teño sitio na Academia”, ante unhas acusacións de nepotismo espalladas nun diario de ideoloxía de dereita con sede en Madrid.

Méndez Ferrín, ademais, é articulista de FARO DE VIGO, dirixe a revista “A trabe de ouro” e ten recibido o Premio da Crítica de Galicia, o Premio da Crítica Española, o Losada Diéguez e ten sido proposto a gañar o Nobel.