Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ana Boullón Nova académica de número da RAG

“A política lingüística no ensino está dedicada a eliminar a lingua galega”

“A partir do século XVI empezou unha operación de deformación dos apelidos galegos que inda vemos hoxe e que fai Google Maps cos topónimos galegos”, critica a profesora e filóloga

Ana Boullón, na Praza da Quintana, en Compostela. Xoán Álvarez

Ana Boullón (Pobra do Caramiñal, 1962) ingresa como membro de número na Real Academia Galega (RAG) este sábado na súa vila natal. Esta profesora da Universidade de Santiago (USC) que leva anos a investigar nos nomes propios e de lugares da Galicia explica nesta entrevista a súa visión da política lingüística actual na Galicia.

Que lle supón entrar na RAG?

Para todo galego é unha enorme honra ser admitido na Academia porque é unha institución que vai facer 115 anos e que subsistiu a pesar das situacións adversas e históricas que atravesou.

De pequena, que soñaba ser?

Non sei, de pequena non tiña especial vocación de nada. Eu creo que os nenos viven no presente, poden soñar no futuro pero non era o meu caso.

Pero no instituto, tivo claro que quería seguir o camiño da Filoloxía?

Non tiña unha vocación moi definida, pensaba ao mellor Dereito, pero en COU tiven un profesor de Literatura, Amancio Carballido, en La Salle. Conseguiu que me decantase pola Literatura. En Filoloxía, somos varios que fomos alumnos seus. En terceiro curso, descubrín o galego con profesores como Rosario Álvarez, Francisco Fernández Rei e Antón Santamarina. Tes que pensar que son dunha xeración que non deu o galego na escola. Para min foi un descubrimento o galego e alí virouse a miña vocación. Dende ese momento, decidín adicarme a el.

Os estudos din que falla a transmisión xeracional do galego. Ve con esperanza o seu futuro?

Esta pregunta fanma case sempre porque a cuestión da transmisión preocúpanos a todos. A diferencia de agora coa época cando eu era pequena é que cando eu era nena non se estudaba pero estaba o galego vivísimo por todas partes. A situación cambiou moito. É moi importante, desde logo, a política lingüística que está levando o Goberno galego, sobre todo, no ensino. É unha política lingüística dedicada a eliminar a lingua galega. Non sei se ese é o fin pero é o que están a conseguir agora. O último estudo da Academia en Ames vai por ese punto: a escola é o principal axente desgaleguizador. Os nenos que entran falando galego saen falando castelán. Iso habería que mudalo. Estou desesperanzada? Se non tivese a esperanza de que isto fora mudar, non me dedicaría a isto. Ao mellor cando empezou a RAG no 1906 os novos devanceiros vían a cousa moito peor.

Vostede traballa a prol da onomástica, antroponimia (orixe e significado do s nomes propios) e toponimia (lugares) galega. Por que son tan importantes nunha lingua?

Os nomes propios forman parte do patrimonio inmaterial noso. A toponimia está rexida pola lei polo que deben ser os poderes públicos os que deciden que forma deben ter os topónimos. Pero os apelidos galegos son tamén parte do noso patrimonio inmaterial e foron deformados nun 14 ou 15% desde que o galego foi desterrado da lingua escrita, a partir do século XVI. Aí, empezou unha operación de deformación dos apelidos galegos dunha maneira que inda vemos hoxe que fan en Google Maps cos topónimos galegos, ao poñer por exemplo Sangenjo. No século XVI empezaron a castelanizar os apelidos de maneira sistemática. Por exemplo, temos Outeiral e Otero. Este último é abundante e procede dun Outeiro orixinario que foi castelanizado. A importancia dos nosos nomes é moi grande. Non teñen valor económico pero si identitario importantísimo.Restituir os nosos apelidos a como eran antes é importante para nós como sociedade.

Vostede tamén traballa na Guía dos Nomes Galegos, que está a piques de presentar.

É un proxecto que estamos facendo no Seminario Onomástico da RAG. Esta Guía parte do Dicionario dos Nomes Galegos de 1992. Pasaron 30 anos e había que darlle unha volta. Agora decidimos actualizalo e incluíndo novos nomes que a sociedade galego foi incorporando.

Compartir el artículo

stats