A lingua galega dá un paso máis cara a súa normalización e faino coa publicación dun libro que chegará ao mesmo tempo en galego e en inglés ao mercado, inda que non a outras linguas como por exemplo o portugués. Falamos do novo poemario da Premio Nobel de Literatura Louise Glück.

“Eu pensaba que este libro sairía en moitas linguas; pero que eu saiba aínda están anunciando agora que verá nun futuro próximo a súa tradución ao portugués e ao español inda non anunciaron nada. É un caso curioso e unha honra para o noso idioma”, sinala o tradutor Samuel Solleiro.

A editorial galega Chan da Pólvora vén de publicar este volume, que é o primeiro libro de nova creación da poeta dende que conseguira o Nobel. Titúlase “Receitas de inverno desde a comunidade”.

O seu tradutor é Samuel Solleiro que traduce ao galego a Glück por segunda vez; a primeira foi con “Noite fiel e virtuosa”. A previsión de Chan da Pólvora é que vexa a luz no idioma de noso un terceiro volume para o ano vindeiro; trátase da obra “Averno”.

Sobre “Receitas de inverno desde a comunidade”, Solleiro destaca que “é un libro bastante fragmentario. Son poemas publicados antes en revistas que finalmente se recompilaron no voume. Os seus últimos libros eran máis narrativos. Aquí tamén se narra pero é doutra maneira, máis condensada. Dalgunha maneira, é un libro máis limpo, purificado”.

Recalca Solleiro que na poesía norteamericana contemporánea é máis habitual que na creación poética europea a vontade de narrar. “Debaixo da lírica, hai unha vontade moi clara de relatar. Iso está presente nos últimos dous libros de Glück que traducimos. Neste último, hai historias que se reconstrúen pero ás veces non con todas as pezas”, apunta o autor.

Para el, “os últimos libros de Glück presentan unha visión da vellez, da cercanía da morte, pero ao mesmo tempo hai vida por debaixo. Hai unha metáfora, un inverno, onde está explicitado todo isto: a vida dos últimos anos que hai debaixo da neve”.