Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Quen foi Florencio Delgado Gurriarán, a quen se adicarán as Letras Galegas de 2022?

Florencio Delgado Gurriarán en Sargadelos no ano 1981.

O avogado de formación, poeta, articulista, pioneiro da tradución interlingüística, editor literario e home ponte entre o exilio en México e Galicia, Florencio Delgado Gurriarán (Córgomo, Vilamartín de Valdeorras, 1903 – Fair Oaks, California, 1987) será o autor homenaxeado o Día das Letras Galegas de 2022.

O pleno da Real Academia Galega acordou na sesión celebrada onte e tras unha votación na que obtivo 14 votos frente os 4 das outras candidaturas (houbo un voto en branco), renderlle homenaxe o ano que vén ao autor ourensán. O seu labor literario e activismo político e cultural constitúen un dos capítulos máis destacados das letras galegas da diáspora.

Foto de feira, con Florencio Delgado Gurriarán (no medio), e Ramón Cabanillas fillo.

O presidente da RAG, Víctor Freixanes, valorou a figura do homenaxeado como poeta das terras de Valdeorras, que escribiu co “enxebrismo da zona” –ao incluir características dialectales desa comarca ourensá– e resaltou tamén a importancia de pór en valor o exilio mexicano, do que “non se fala tanto” como doutros países de Latinoamérica.

Pola súa banda, o académico Xesús Alonso Montero debullou a biografía de Florencio Delgado ao tempo que valorou as outras candidaturas: “Unha vida cívica verdadeiramente plausible e encomiable”, precisou.

Florencio Delgado Gurriarán, nun retrato de mozo. Fdv

A candidatura de Delgado Gurriarán competía coa doutras tres figuras senlleiras da literatura galega: o poeta singular, narrador e dramaturgo Fiz Vergara Vilariño (Samos, 1952 – Lugo, 1997) e coa protagonizada polo fundador da Editorial Nós, Ánxel Casal Gosende (A Coruña, 1895 – Teo, 1936) xunto ao poeta granadino Federico García Lorca (1898-1936), autor dos Seis poemas galegos publicados no devandito selo.

Florencio Delgado Gurriarán con Elixio Rodríguez e Ramón Cabanillas fillo (México, 1948) Fdv

Unha vida polifacética

Foi tamén un extraordinario activista cultural, promotor de iniciativas como o Padroado da Cultura Galega en México (creado en 1953), a revista “Vieiros” –da que foi director xunto con Carlos Velo e Luís Soto–, a audición radiofónica “Hora de Galicia”, que estivo en antena todos os domingos durante case dúas décadas, e de doutras publicacións de carácter político e cultural.

Por iso o seu Día das Letras Galegas será tamén unha homenaxe serodia a todo o exilio mexicano, cuantitativamente menor có arxentino pero dunha importancia igualmente capital.

Del formaron parte canda o protagonista do vindeiro 17 de maio figuras como o cineasta Carlos Velo, o músico Xesús Bal y Gay, o xornalista Ramón Cabanillas fillo, o arquitecto Xosé Caridad Mateo ou Elixio Rodríguez.”Vieiros” (1959-1968) é outro gran fito do exilio galego en México que Delgado Gurriarán e os seus colegas fixeron posible, anos despois da experiencia de “Saudade. Verba galega das Américas” (1942-1953), da que Florencio Delgado Gurriarán tamén foi parte.

Florencio Delgado Gurriarán a bordo do Ipanema con Roxelio Rodríguez de Bretaña, Andrés Valín, Carlos Tomé, Johán López Durá, Serafín Ferro ou o mencionado Elixio Rodríguez. Fdv

Nas súas páxinas dialogaron voces do exilio mexicano coas que ficaron en Galicia, tanto consagradas coma outras moi novas naquela altura. Durante a época de conformación de “Vieiros”,o poeta o mantivo unha especialmente proficua relación con intelectuais do exilio interior como o académico Francisco Fernández del Riego ou Valentín Paz-Andrade e estivo en contacto cos mozos do Grupo Brais Pinto.

Florencio e a súa dona, Celia, na viaxe de noivos. Fdv

Estes vínculos facilitaron a Delgado Gurriarán publicar a esta beira do Atlántico o seu segundo poemario, “Galicia infinda” (Galaxia, 1963), onde xunto a textos evocadores da matria valdeorresa sorprendeu cun interesante capítulo de “Poemas mexicanos”. Tamén na terra natal saíron do prelo os seus dous últimos volumes: “Cantarenas” (Ediciós do Castro, 1981) e “O soño do guieiro” (Ediciós do Castro, 1986).

En “Cantarenas”, pon de novo o mundo do viño no centro do seu universo poético, regresando á terra da infancia que tanto o marcou. “O soño do guieiro” recolle igualmente poemas doutros momentos vitais, expresión xa da súa musa cívica, xa da elexíaca. En ambos “hai mostras elocuentes do seu talento satírico, retrate ao ditador Franco ou describa o desleixo lingüístico de certos falantes”, indican na RAG. Faleceu en 1987 aos 79 anos de idade, na casa dun dos seus fillos, en California.

Ricardo Gurriarán, historiador e familiar de Florencio Delgado. Xoán Álvarez

Ricardo Gurriarán Historiador, familiar e biógrafo de Florencio Delgado

“Foi un defensor irredento da cultura galega, cun itinerario vital de compromiso”

“Era primo carnal do meu pai, pero para nós era o tío Florencio e, como marchara ás Américas, era como unha persoa de fición, como se estivera no ceo”. Entre a proximidade familiar e a ollada biográfica, o historiador Ricardo Gurriarán –autor de “Florencio Delgado Gurriarán. Vida e obra dun poeta valdeorrés, republicano e galeguista” (Ediciós do Castro, 1999)– destaca a grandes trazos a figura do valdeorrés.


Estiven con el cando volveu no 68, no 76 e 77 e nos anos 80. Destaco o seu itinerario vital de compromiso ligado ás formacións democráticas de antes da guerra civil e que foi un defensor irredento da cultura galega en México, onde foi un dos seus principais promotores. Converteuse nun lucernario para o exilio interior na dictadura”, alegou.


Florencio Delgado, membro moi activo do Partido Galeguista de Valdeorras, chegou a México tras lograr escapar a través de Francia no ano 1939. Fíxoo a bordo do “Ipanema”, un dos barcos que levaron aos refuxiados españois a América e no que fuxiron tamén, entre outros, Roxelio Rodríguez de Bretaña, Andrés Valín, Carlos Tomé, Johán López Durá, Serafín Ferro e Elixio Rodríguez.



Ao mesmo tempo, Gurriarán agradeceu ao académico Xesús Alonso Montero –polo pulo da edición facsimilar de “Cancioneiro da loita galega” (1943) en Ediciós do Castro– e, agora, por ser un dos promotores da candidatura máis votada para o Día das Letras Galegas xunto con Ramón Villares e Rosario Álvarez.

Compartir el artículo

stats