Nenos e nena compartindo xogo sen roles de xénero. | // FDV

Unha boneca da exposición “Rompe e xoga en igualdade”. | // FDV

“O xogo debe ser libre e espontáneo. Non existen xoguetes de nenas ou de nenos. Evitemos transmitir esa idea”. É un dos lemas do material elaborado para os talleres de colexios que participan no proxecto Faro da Escola, neste caso proposto pola Deputación de Pontevedra. O Nadal está cerca e con el chegarán xoguetes para os máis pequenos e pequenas e non tan cativos... É un momento ideal para pararse a reflexionar sobre un uso igualitario do xogo e dos xoguetes, atreverse a dedicar xoguetes e a xogar sen estereotipos de xénero. A institución provincial leva anos con campañas destinadas a romper as regras do xogo e xogar sen estereotipos, sen roles preestablecidos.

“A publicidade e a sociedade márcannos a imaxe e o emprego que deben ter os xoguetes infantís. Moitas veces estes estereotipos non reflicten a nosa realidade. Na nosa man está o cambio. Aínda que non poidamos controlar a utilización destes xoguetes polo resto da sociedade nin as mensaxes publicitarias, si somos responsables da educación das nosas rapazas e rapaces. Esta educación é a ferramenta que nos axudará a dar un xiro e lograr o cambio tan ansiado no pensamento colectivo”, expresan especialistas en xénero que elaboraron este material para a súa reflexión cos rapaces e rapazas na aula.

“Cremos que é o momento idóneo para invitar á reflexión sobre a adquisición de xogos, xoguetes, libros ou videoxogos e agasallos de Nadal. A través dos xoguetes as nenas e os nenos poden imaxinar o seu futuro; un mundo no que todas as persoas son capaces de desempeñar distintas profesións e gozar do coidado da súa familia, independentemente de que sexan mulleres ou homes. Non se trata de forzalos a xogar cos xoguetes que non lles gustan, pero tampouco impedirlles facelo con aqueles atribuídos pola sociedade ao outro sexo”, engaden as mesmas fontes, que apuntan: “cunha boa elección axudaremos a desmontar mitos coma o de que as nenas son máis sensibles e os nenos máis áxiles e fortes”.

En canto a cor rosa e azul: “Non hai cores de nenas nin cores de nenos. Só son etiquetas sociais que limitan a creatividade”, expresan os profesionais que prepararon estes recursos. Indican tamén que “somos iguais desde a diferenza: intenta elixir xoguetes que reflictan a diversidade de cada persoa”.

Libres de prexuízos sexistas

“Escolle con acerto, tendo en conta que sexan xoguetes seguros, adaptados ao nivel de madurez da persoa e libres de prexuízos sexistas, racistas e xenófobos”, apuntan dende a institución e engaden: “xoguetes que faciliten a cooperación entre as nenas e os nenos, compartindo espazos tanto públicos como domésticos”, nun intento de superar os estereotipos de bonecas para as nenas e camións para os nenos, por poñer un exemplo, e reforzando a idea de xogo colaborativo, construtivo e creativo.

Que os xogos fomenten a actividade física é outro dos puntos que se debe ter en conta á hora de escoller xoguetes: “que axuden a promover todas as capacidades e habilidades persoais, posibilitando tanto o xogo tranquilo coma a actividade física”. E outra máxima: “o importante é participar; procura que os xogos e xoguetes favorezan a axuda e a cooperación entre iguais e non a rivalidade”. Importante: apartar a violencia, sobre todo nos videoxogos, por poñer un exemplo de xoguetes máis desexados polos rapaces. “Investigar e descubir” son dous dos obxectivos: “Xoguetes que sexan divertidos, que estimulen a curiosidade e o interese”.

Todas estas ideas teranse en conta nos obradoiros dos colexios do Faro da Escola que se celebrarán proximamente. Outro dos obradoiros sobre esta temática céntrase en saber identificar as mulleres “como obxecto” en certos xogos. Neste caso os recursos didácticos achegados parten da ‘Exposición: Rompe, xoga en igualdade’, elaborada pola escritora a avogada Isabel Blanco.

As bonecas elixidas para o proxecto interviñéronse para amosar situacións de desigualdade, violencia e discriminación e recalcar a importancia do xogo na educación e a formación de nenas e nenos así como na transmisión de valores. As bonecas expostas transmiten valores sexistas que se reproducen nos xogos, dirixindo en gran medida as condutas das nenas e dos nenos. Serán ideas para a reflexión na aula.