Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

ENTREVISTA

Rosario Álvarez: "Estamos privando á infancia do dereito a súa lingua e a súa cultura"

A presidenta do Consello da Cultura Galega: "Queremos aproveitar o Ano Santo para poñe-lo foco na Galicia medieval"

Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela XOAN ALVAREZ

Rosario Álvarez (Pontevedra, 1952) leva dous anos como presidenta do Consello da Cultura Galega. É a primeira muller no devandito cargo. A pesar do currículo e do traballo arreo, quítase méritos con modestia sentida. Esta muller de ideas clarísimas ten xa deseñadas as liñas de actuación do Consello para os dous vindeiros anos e non dubida en alzar a voz con cortesía pero con firmeza contra Feijóo e o seu escaso emprego do galego.

–Nas súas liñas de actuación, chamoume a atención a lembranza que farán a Afonso X O Sabio e o seu vencello con Galicia.

–Afonso X é unha figura universal, un home importante dentro de toda a historia peninsular. Tendo en conta o abandono da historia de Galicia nos currículos escolares, tense a pensar máis en Afonso X como rei de Castela pero tamén era rei de Galicia. Para nós, é unha figura importante que debemos reivindicar como unha parte da nosa historia. Afonso colócase de maneira central no século XIII, un século moi brillante para a cultura galega. Cando el decide promover esa obra da literatura universal, “As cantigas de Santa María”, non a pensa como obra de poesía en castelán, senón que foi concebida dende o principio en galego. Iso ten unha importancia que queremos analizar. Por que esa operación das Cantigas en lingua galega?

–Que relación tiña con Galicia?

–Parece probado que pasou algún tempo da súa mocidade ou adolescencia en Galicia. Pero está tamén vinculado porque os seus aios eran galegos. El vincúlase coa cultura galega e o galego de primeira man. Son aspectos sobre os que sempre se pasa por riba.

–A Biblioteca Virtual de Cervantes a penas cita Galicia na súa biografía.

–E iso que a Biblioteca Virtual Cervantes dentro dos ámbitos públicos inda se adica bastante da cultura galega! Pero moitas veces dende a propia Galicia cando se fala de Afonso X esquécese a importancia da súa figura para Galicia, anteponse que era o rei de Castela, o rei de fóra.

–Tamén se fixarán o ano vindeiro na época medieval...

–O ano 2021 é Ano Santo e vai promove-la peregrinaxe a Santiago se a pandemia deixa. Nós queriamos aproveitar o Ano Santo para poñe-lo foco na Galicia medieval. É o 800 aniversario de Afonso X e aí ligamos as dúas efemérides. Tamén queriamos situarnos na Galicia altomedieval porque os últimos descubrimentos feitos revelan que era unha sociedade máis culta, innovadora e activa do que se pensaba.

–Vostede quere que o Consello analice a desigualdade entre a Galicia occidental e oriental.

–Imos abordalo no ano 2021, poñendo o foco na igualdade de hábitat, pensando no dereito á cultura, a disfrutala, creala e a formarse nela, das persoas que habitan os espazos rurais. No ano 2022, queremos abordar outro tipo de desequilibrio, entre a Galicia oriental e occidental. Iso fai que se balancee a produción cultural e equipamentos culturais cara o eixo Atlántico máis que cara o eixo entre Lugo e Ourense. Corresponde a todos pensar como solucionar isto e vertebrar unha política integradora.

–Vostede pensa que hai esperanza para o rural galego?

–Eu creo que si, hai un futuro que nalgúns aspectos é fácil de prever; falo en positivo. Pero hai que intervir. Hai indicios dunha posible recuperación, hai que promover a recuperación de determinados estilos de vida que están en auxe e hai opcións de aproveitamento do rural non só nos termos agrícolas e gandeiros, senón que hai outros de tipo turístico, turismo cultural... Hai que planificalo.

–Van disminuíndo os falantes de galego, séntese defraudada?

–Creo que é decepcionante que as políticas lingüísticas non xurdiron o efecto que esperabamos, refírome a antes do autogoberno. Daquela, aínda tiñamos unha porcentaxe altísima de galegofalantes, ninguén tiña (nas linguas minoritarias do Estado) esa porcentaxe de falantes na lingua propia; era unha fortaleza extraordinaria. Daquela tiñamos moitas expectativas creadas de que co autogoberno, recuperados os dereitos lingüísticos, se faría unha política que nos levase á situación desexada de recuperación da lingua. Esas expectativas non se cumpriron. Estamos nun descenso gradual e nunhas cifras que nos parecía daquela imposible de chegar a ter. Estou decepcionada. Significa isto que son pesimista? Volvo ó de antes. Confío na capacidade de resistencia e resiliencia do pobo galego. Confío en que esta situación revirta por imitación de moitos outros que nunca desistimos e non por iso nos foi mal na vida. Por primeira vez, na nosa historia hai grupos de castelán falantes que deciden voluntariamente militar na lingua do país.

–O discurso de Feijoo en outubro pola televisión anunciando as medidas restrictivas polo coronavirus foi en castelán. Que pensou nese momento?

–Dende o meu punto de vista é inaceptable que o presidente da Xunta nunha situación como esta se expresase unicamente en castelán [nun discurso en Galicia]. Dígoo como Rosario Álvarez, non como presidenta do Consello da Cultura Galega. Para min é absolutamente inaceptable. É unha mensaxe errada, que non corresponde ó papel institucional e que parecía non dirixida á comunidade que o elixe senón a outra que está fóra deste ámbito.

–Unha terceira canle da TVG para nenos como pide a Mesa, axudaría a non perder falantes?

–A miña percepción é que a infancia deste país a estamos privando dun dereito que ten. Ten dereito a non ser desvinculada de todo o legado cultural dos seus antergos, forma parte dunha comunidade que tiña unha traxectoria ininterrumpida de transmisión cultural cuns sinais de identidade propia. Unha cousa é que un adulto decida cambiar de cultura, lingua, relixión... e outra cousa é priva-los nenos dese vínculo, non temos dereito a facelo e deberiamos reflexionar. Unha canle sería unha medida positiva para que reciban cultura galega e universal en galego. Teño reservas a que despreciemos a nosa propia cultura.

–Este é o ano de Carvalho Calero, pensa que o reintegracionismo debería ter un maior recoñecemento legal no uso lingüístico?

–Non vexo por que, nin porque sexa ano Carvalho Calero ou porque sexa outro ano. Hai unha situación que vén dada, acordada, pactada e é na que estamos a inmensa maioría dos galegos. Non vexo por que temos que facer unha excepción cun grupo que propón unha posición diferente con respecto á norma lingüística pero que podería ser respecto a calquera outro aspecto. Hai unha norma lIngüística que, para que funcione, debe ser unha norma única

Compartir el artículo

stats