Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Manuel Budiño: "Tomo o directo coma unha película, esa é a filosofía do concerto"

O artista galego e a súa banda levan o novo disco 'Fulgor' aos 'Solpores do Museo'

Budiño nunha das presentacións do seu novo disco 'Fulgor'. / FdV

Xosé Manuel Budiño (Moaña) é un artista xa consolidado no panorama musical galego e internacional cunha traxectoria de dúas décadas. Esta noite será o encargado de amenizar os 'Solpores do Museo' xunto a súa banda, no Museo do Mar de Galicia ás 20.30 horas. Compartirá escenario con Soleá Morente, cantante de flamenco e pop rock, o que lle resulta "moi bonito".

-As entradas para esta cita esgotáronse aos poucos días de que saíran á venta. ¿Tes ganas deste concerto, que ademais che queda preto da casa?

-Por suposto que si. Ademais de tocar aquí preto, presentar o novo disco 'Fulgor' coa sorpresa das entradas esgotadas cambia a idea que tiñamos.

-Falando do teu novo disco cabe mencionar que as súas cancións están compostas e producidas por ti, ademais de cantadas. ¿Que che impulsou a esta renovación, tiñas ganas de reinventarte?

-Non tanto buscar a reinvención como o que me apetecía facer nese momento. Levaba anos dándolle voltas á posibilidade de non só facer as músicas senón facer as miñas letras e cantalas, xa que en tódolos meus discos sempre houbo temas cantados que eu compoñía, pero para outra xente que convidaba a cantar. Eles mesmos ao longo dos anos sempre me comentaron esa posibilidade, que sempre a tiña esperando. Penso que este era o momento despois de vinte anos de traxectoria e discos instrumentais. Era o momento e apetecíame moitísimo escribir as letras, as músicas e facer este disco.

-Rompeches co tópico de Budiño, por así dicilo.

-Si, supoño que foi moita sorpresa para a gran maioría da xente. Moi pouquiñas persoas sabían que estaba preparando un traballo vocal, nin a xente máis cercana. Incluso para mín está sendo unha sorpresa a acollida que está tendo.

-¿Está sendo ben recibido por parte do público?

-Todavía é moi cedo porque saíu hai poucos meses e os concertos están sendo agora neste verán, aínda que levamos medio ano presentándoo e tocando. Aínda se necesitan un par de meses máis para que se coñeza de todo: que é un disco distinto, cantado. Pero estou moi contento co resultado.

-¿Que se vai poder escoitar no concerto de hoxe?

-Imos facer as dez cancións do disco, que é o que estamos facendo habitualmente, presentar o disco completo no directo. De feito, naceu con esa filosofía, dez cancións que foran interpretadas. Xa non coma nos outros discos, que ás veces non acababas de tocar todas as cancións nos concertos porque tamén se tira de discos de atrás. Este era un paso interesante, facer un directo só coas cancións de 'Fulgor' aínda que nalgún momento si que aparezan algunhas outras melodías de discos anteriores. Nesta ocasión, o concerto será dunha hora, polo que tocaremos as dez cancións deste novo traballo.

-Presentádelo entonces coma un produto completo, circular.

-Dende o primeiro momento necesitaba que tódalas cancións puideran ser representadas no escenario, esa era a visión. Xa que ía ser unha novidade que Budiño cantara, presentábame nesa tesitura de defender as cancións que fixen para o disco. Hai temas para tódolos momentos: tomo o directo coma unha película, cunha entrada inicial, a presentación da historia, o desenvolvemento máis intimista e ao final o desenlace, que ninguén espera. Esa é a filosofñía do concerto.

-¿Cales van a ser os artistas que che acompañen nesa viaxe?

-A banda que me está acompañando co disco 'Fulgor' son, por unha parte, Fran Sanz ao baixo e Ton Risco á batería, dous dos músicos que gravaron o disco conmigo. Para mañá teño a sorte de contar con Brais Morán, que tamén está na banda coas guitarras e os coros. Coñézoo de fai anos, é un compositor marabilloso e apetecíame moito que estiversa nesta xira.

- Tendo en conta este novo disco, ¿cales son os teus próximos plans?

-O primeiro que fixemos foi presentalo por salas e levalo no verán arredor de Galicia. A partir dos meses de setembro e outubro comezaremos a xirar tamén por fóra de Galicia, aínda que por aquí temos pendentes algunhas citas en salas e auditorios que quedaron atrás, polo que retomaremos a posibilidade de seguir presentando 'Fulgor'. Temos moitas ganas de levalo ao directo, cunha banda poderosa, ademais das ganas de viaxar. A posibilidade de estar aquí no verán, na casa, é marabillosa. Algo que apreciamos porque non sempre nos podemos permitir.

Compartir el artículo

stats