Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Carvalho Calero acariña as Letras Galegas

- Unha Real Academia Galega en trifulca vota o sábado se adicarlle o Día das Letras Galegas - El é o pai da historia da literatura galega e foi un firme reintegracionista

O plenario da Real Academia Galega reunirase o vindeiro sábado para votar e decidir a persoa á que se lle adicará no 2020 o Día das Letras Galegas. Tras ser rexeitada durante varios anos a candidatura de Ricardo Carvalho Calero (que algúns escriben Carballo Calero), todo apunta a que nesa xornada se fará xustiza co autor da primeira historia da literatura galega contemporánea (editada por Galaxia no ano 1963) e un dos principais defensores do reintegracionismo (proposta de grafía galega baseada na ortografía lusa). De momento, só hai dúas propostas presentadas por dous grupos de académicos -un con 13 sinaturas e outro con nove- que propugnan ámbolos dous (inda que por separado) a candidatura de Carvalho Calero.

Non obstante, ata o mesmo sábado podería xurdir unha segunda candidatura, da man dalgún dos académicos que aínda non se pronunciaron, xa que fontes consultadas lembraron que non hai data límite de recepción. Sería difícil que o pronóstico mudara, pero non imposible.

Así, todo apunta a que Carvalho Calero tería, como mínimo, uns 22 votos cando o pleno está formado por 30 académicos. Sen embargo, no último par de días a tranquilidade das augas ás que cantara Manuel Antonio no poema "Calma de 6 a 8" tornou en maruxía. Se houbese que procurarlle un nome á cicloxénese, estaría ben claro: Ricardo.

Non hai que enganarse, que 22 académicos da RAG propoñan a Ricardo Carvalho Calero como homenaxeado para o vindeiro Día das Letras Galegas non significa que a singradura no barco sexa tranquila.

Por un lado, sete académicos asinaron o comunicado con data do día 17 deste mes "A Galicia insólita: dúas propostas para Carballo Calero Día das Letras Galegas 2020". Nel, informaban de que "o pasado 20 de maio nove académicos presentamos, unha vez máis, a proposta de Carballo para as Letras de 2020 e (...) horas antes, trece académicos presentaran outra, tamén para Carballo. (...) Resulta sorprendente que quen hai só un ano consideraba que a elección de Carballo sería un atentado contra a lingua galega, vexa nel agora unha figura merecente de ser celebrada, viraxe que talvez se deba á intención de botarlle terra a un lamentable proceder en anos anteriores".

No final, o texto, engade: "Non cuestionamos en absoluto a legalidade da cualificada como proposta 'maioritaria' (a dos 13 académicos); porén, cremos que hai actuacións moralmente detestables, como ocorre con esa proposta insólita que conta co apoio de toda a Executiva da Academia. Así é todo, celebramos que, por fin, Ricardo Carballo Calero eña o xusto e merecido Día das Letras Galegas". Como asinantes, figuraban Francisco Fernández Rei, Manuel González González, Chus Pato, Xosé Luís Axeitos Agrelo, Euloxio Rodríguez Ruibal, Manuel Rivas Barrós e Xosé Luís Regueira Fernández.

Para intentar entender a situación, preguntamos á académica Margarita Ledo que dera conta do diario de navegación desta travesía xa que ela, máis Ramón Villares e Alonso Montero son os primeiros asinantes da proposta dos 13 da candidatura do autor d´ "O silencio axionllado". "O que está a acontecer é absurdo. Carballo -apunta Margarita Ledo- foi presentado repetidas veces, moito antes do que di ese escrito (no comunicado, sinalan que levan seis anos consecutivos coa proposta). O escrito está cheo de imprecisións e de falsidades", sinala a xornalista e realizadora.

Ó seu xuízo, o documento dos sete académicos "non busca defender a Carballo, senón un interese doutro tipo. Xente que o asina estivo con responsabilidades na Academia e nunca avalou a candidatura de Carballo".

Ledo engade que "o que nos sorprende é que no momento en que hai un núcleo que aposta por Carballo, un dos sectores diga que os outros se apropían. Apropiarse de que? Falamos dunha figura pública. Carballo non é de ninguén". A profesora na Facultade de Xornalismo na Universidade de Santiago tamén bota contra "os xuízos de valor" do texto dos sete contra a executiva da RAG.

Tras bogar con Ledo, viramos cara o amarre de Xosé Luís Axeitos -asinante do comunicado dos sete- quen lembrou que "hai unha cortesía académica que consiste en non descalificar as outras propostas de candidaturas para o Día das Letras Galegas feitas polos demais. No plenario do ano pasado de xullo cando se elixiu a Fraguas, descalificouse a Carballo Calero"

"Agora, reivindican que o presentaron primeiro para desautorizar a nosa proposta. Sacaron unha nota afeándonos a nós, dicindo que foran os primeiros.É unha desfachatez, é unha cousa de nenos pequenos pero no fondo hai unha catadura moral impresentable. Nós alegrámonos que cambiaran de opinión pero están lavando a cara ante a marxinación que someteron a Carballo durante todos estes anos", engade Axeitos.

Margarita Ledo - Académica da RAG

"Carballo foi unha persoa que se mantivo fiel ós seus principios"

Xosé Luis Axeitos - Académico da RAG

"El foi o primeiro en darnos unha historia da literatura galega"

Compartir el artículo

stats