A compositora, gaiteira e pianista galega Cristina Pato ocupará no vindeiro curso académico 2019-2020 a Cátedra Juan Carlos I de Cultura e Civilización Española na New York University (NYU), unha das máis destacadas universidades dos Estados Unidos. En anos anteriores, ocuparon esa cadeira escritores como Antonio Muñoz Molina, Juan Goytisolo ou Estrella de Diego; así como o xuíz Baltasar Garzón.

Dende a súa chegada a Estados Unidos, Pato ten impartido aulas en diferentes universidades americanas como Harvard ou a Universidade de California. En New York, centrará a súa actividade ofrecendo conferencias e eventos públicos combinados cunha clase sobre as músicas invisibles do norte de España ("The Invisible Music of Northern Spain").

En concreto, centrada na música galega, a vasca, a sefardí e outras. Ademais das súas clases, organizará varias conferencias en torno a diversos temas relacionados cos seus obxectos de investigación dos últimos anos: entre eles música e neurociencia, a sustentabilidade do artista, a memoria cultural, a identidade e a perda de memoria, ou a situación das outras linguas en España.

A Cátedra Juan Carlos I de Cultura e Civilización Española foi creada en 1983 e desde entón ten incorporado eminentes persoeiros da historia e da cultura.