Os procelosos sendeiros das poñentes transitaron por moitas arestas da biografía da autora de "Cantares Gallegos". Precisamente, para García Negro ese é un libro "netamente político, non so estético". Tamén destacaría a filóloga o feito de que o prólogo da obra estea escrito en galego.

María Xesús Lama fixo fincapé nas circunstancias sociopolíticas da época na que se enmarca a vida de Rosalía e destacou o momento como "convulso", enmarcado na "inestabilidade que viviu Europa, como consecuencia dos grandes cambios económicos e políticos derivados da Revolución industrial e os ecos da Revolución francesa, ante os que a escritora non deixa de tomar posición ao longa da súa obra prosística e poética".

No que abrangue ao social, o século XIX en Galicia era "un momento de instrución so obrigada para os homes", o que contrasta coas súas profundas e importantes lecturas. Aínda menor de idade, semella que Rosalía escribía versos. E destacaron o influxo cultural materno como garante desa formación. "Ela por cultura e por talento ademais de por vontade e por posibilidade editorial puido escoller escribir. Pero todo isto deriva nunha obra riquísima, complexa e moi elaborada esteticamente, así como tematicamente moi ampla", completaron.

As expertas sinalaron que nos últimos 40 anos o saber sobre Rosalía evolucionou moito e tamén a súa reivindicación como figura moderna. Tamén lembraron a estudosos anteriores da obra e vida de Rosalía como Carballo Calero e lamentaron que o tempo dispoñible lle soubo a pouco. Xa por último, no coloquio do público saíron á palestra interesantes cuestións como a aportada por María Xosé Porteiro, sobre o influxo da lírica rosaliana no político cubano José Martí.