A xornalista e poeta Ana Romaní reivindicou unha "radio pública que se comprometa" coa "realidade e o futuro do país", no seu discurso de ingreso na Real Academia Galega (RAG) como nova académica de número. A escritora que desenvolve desde os anos 80 o seu traballo na Radio Galega, onde foi responsable do "Diario Cultural" de 1990 a 2018, lembrou o "traballo colectivo" que converteu o proxecto "nun veleiro radiofónico" e apelou a que "entre todas e todos" se realice unha radio pública "máis comprometida", "na independencia e no entusiasmo", coa "realidade e o futuro do país".

"Entre todas e todos podemos facer unha radio que se comprometa, na independencia e no entusiasmo, coa realidade e o futuro do país, con esa cidadanía que a dota de sentido e de contido. É a radio pública que poderiamos estar facendo, porque hai profesionais comprometidos, porque hai audiencias que a demandan e un idioma que a urxe", subliñou no seu ingreso, en Noia.

Pero a radio e a televisión pública "non só son medios de comunicación en galego", advertiu. "Deberían ser os medios galegos, modelos de información dun país, por tanto deseños propios de parámetros informativos, de liñas de programación, de estruturas organizativas que garantan a súa independencia, desde un profundo coñecemento e análise da historia dun país, dunha cultura, do idioma no que é". Ana Romaní ocupa desde este sábado a cadeira que quedara vacante após o falecemento de Xohana Torres (Ferrol, 1929-Vigo, 2017), "símbolo de decidida navegación e ousadas travesías".

Con ela estableceu o diálogo inicial do discurso titulado 'Táctil resonancia. Da derrota dun esplendoroso veleiro, as voces flotantes e os cantos das baleas', a bordo dunha nave na que tamén rescatou a voz do poeta de Noia Avilés de Taramancos, outra figura decisivo no seu "tear do poeta". A viaxe literaria arrincou asucando o mesmo mar no que a súa predecesora puxera navegar a Penélope no soado poema que publicara por primeira vez na "Festa da Palabra Silenciada" (1987).

Romaní quixo homenaxear no seu discurso "as mulleres invisibilizadas, posuidoras de saberes compartidos e ignorados pero imprescindibles". Mulleres coma a súa avoa Manuela, que foi ademais unha das primeiras informantes que botou algo de luz na "fascinación adolescente" da nova académica pola figura da poeta noiesa María Mariño, María A Fiscala, recoñecida co Día das Letras Galegas en 2007 mais unha voz "apenas percibida" naqueles anos 80, como sucedera antes con moitas outras femininas.