O grupo Tanxugueiras recibiu o premio ao "mellor álbum en galego 2018" nos premios MIN da música independente, unha categoría na que estaban nomeados Chicharrón, Xoana, Mercedes Peón e Ezeterre. Formado polas xemelgas Olaia e Sabela Maneiro, e Aida Tarrío, reivindican a renovación da música tradicional galega e defínense xa non só como cantareiras, senón como músicas, arreglistas e autoras.

Recolleron o premio durante a gala celebrada no Teatro Circo Price de Madrid e fixeron un alegato ás diferentes linguas e a riqueza que iso supón, poñendo en pe ao público do teatro. O vindeiro 29 de marzo no Salón Teatro de Lalín comezarán a xira de 2019 e que servirá de despedida dese traballo.

O disco homónimo de Tanxugueiras permitiulles levar a súa música por todo o país cunha xira de máis de 50 concertos en 2018 e tamén internacionalmente por Cuba, A India, Suíza e a súa terceira participación no Festival Celtic Connections de Glasgow. Convertíronse en virais grazas a un vídeo no que improvisaban un ritmo de "panaderas" nos camerinos de Glasgow. E, crecendo da man de Shooglenifty, veñen de publicar conxuntamente o single "East West" .

"O mundo da pandeireta e o baile está a vivir en Galicia a un momento irrepetible, cada vez máis xente se está achegando a este tipo de sentir e facer", aseguran.

Despois de percorrer desde o ano 2016 palcos do país e algún internacional e despois de poñer música a actos e encontros musicais diversos? decidiron gravar a súa ópera prima. Rodeáronse para este fin de músicos notables dentro do panorama das musicas de raíz como Pablo Martín Jones ou Jaime Muñoz e cunha dirección artística do productor musical Pedro Pascual (produtor en Laio, Marful, Najla Shami, Davide Salvado, Guadi Galego, Talabarte, Pesdelán, Descarga ao vivo, etc.) e baixo o selo de Seispes producións.

"Atopámonos ante un repertorio coidadosamente escollido e cun tratamento que conecta a tradición ibérica co maxín atlántico e os cheiros de ultramar. Cancións que parten da pura esencia que mana das fontes da profunda Galicia e que son dotados dun virtuosismo e contundencia sorprendentes", dixeron delas expertos en xestión cultural.