A táboa periódica que publicou Dimitri Mendeleev hai 150 anos xa ten versión en galego trala presentación que se realizou onte despois do traballo do Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega, a Real Academia Galega de Ciencias, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e o grupo de investigación "CienciaNOSA".

Como resultado, un total de 13.000 exemplares serán difundidos entre a comunidade científica e educativa. "Hoxe presentamos a publicación na nosa lingua dun documento de referencia para o estudo e o coñecemento da química como é a táboa periódica", apuntou Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, na presentación que tivo lugar no salón de actos da institución.

No acto tamén estaban presentes os tres autores da tradución: Ana González Noya, Manuel Bermejo e Marcelino Maneiro que destacaron a coherencia seguida ao facer os traballos de tradución. Estes tes expertos tradutores deron a coñecer outro traballo de seu, "Guía dos elementos químicos". Esta obra presenta todos os elementos químicos coñecidos na actualidade e nela descríbese a historia do seu descubrimento, así como as súas características, comportamento, utilidade e perigosidade. Destínase ao público non familiarizado coa química.