Xosé María Álvarez Cáccamo, Luz Darriba, o Festival Internacional de Outono de Teatro-FIOT, o grupo A Roda, o Festival de Cans, Antón Santamarina, a Asociación O Sorriso de Daniel e Ramón Villares son os galardoados dos Premios da Cultura Galega 2018. Os premiados foron distinguidos nas modalidades de Letras, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultural e Proxección Exterior, respectivamente, por un xurado que estivo presidido polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez.

A Biblioteca e Arquivo de Galicia, na Cidade da Cultura, acolleu onte a reunión do xurado, do que tamén formaron parte o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Xosé Manuel Núñez Seixas, por delegación da súa presidenta; a tesoureira da Real Academia Galega, Marilar Aleixandre, por delegación do presidente da institución; a académica numeraria da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, Asunta Rodríguez, por delegación do presidente da entidade; o reitor da Universidade da Coruña, Julio E. Abalde Alonso, e a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella. Participaron tamén no xurado os profesionais da cultura Xosé Manuel Aldea Moscoso, editor e xestor cultural; a directora de cine, guionista e produtora Zaza Ceballos, a escritora María Solar Núñez e a directora do Museo de Belas Artes da Coruña, Ángeles Penas Truqe. Actuou como secretaria a xefa do servizo de Xestión Administrativa da Secretaría Xeral da Cultura, Marta Bardal Sanmiguel.

Na modalidade de Letras o galardoado é Xosé María Álvarez Cáccamo, un dos escritores máis destacados do panorama literario galego actual. Licenciado en filoloxía románica e profesor de literatura entre 1973 e 2010, o vigués é autor dunha prolífica obra que, desde a publicación do seu primeiro poemario, Praia das furnas, en 1983, non deixou de medrar. Ademais de poesía, cultivou relato breve e teatro, e realizou numerosos estudos centrados na poesía galega da segunda metade do XX, ademais de incursións na literatura infantil.

A creadora Luz Darriba fíxose co Premio da Cultura Galega de Artes Plásticas. A denuncia da discriminación e a violencia contra as mulleres é o eixo central da obra da artista, nada en Montevideo e emigrada a Galicia en 1990.

Pola súa banda, o catedrático de filoloxía románica da Universidad de Santiango (USC) e membro do departamento de Lingua Galega da Xunta, Antón Santamarina, que acutalmente dirixe o Tesouro Informatizado da Xunta, foi premiado en Lingua. Asemesmo, Ramón Villares, un dos historiadores máis relevantes de Galicia dos últimos lustros, obtivo o premio de Proxección Exterior.