Carlos Casares, o mago da palbra que deu vida a obras como Xoguetes para un tempo prohibido ou Vento ferido, terá esta tarde en Vigo unha homenaxe como preparación do 17 de maio, data na que se lle adicará o Día das Letras Galegas. Detrás deste tributo, atópase a Fundación Penzol que prepara un acto especial a partir das 20.00 horas na Casa Galega da Cultura.

Alí, estarán o presidente da Penzol, Manuel Puga; Henrique Monteagudo, coodinador da revista Grial, que dirixiu Casares; así como colaboradores desta revista como Dolores Vilavedra ou Carlos Fernández. Tamén se agarda a presenza do alcalde, Abel Caballero.

O acto está cargado de "simboloxía" como destacou onte Henrique Monteagudo a este xornal xa que a cidade olívica foi "o escenario principal dos traballos e dos días de Carlos Casares na súa vida adulta. Queremos facer un recordo do que foi a súa figura".

Esa lembranza realizarase a través da presentación da última entrega de Grial na que diversos autores e estudiosos ofrecerán pinceladas sobre a vida e obra do autor. "Hai que ter en conta -rememoraba Monteagudo- que Casares tivo entre as súas facetas principais o seu labor como editor ó frente de Galaxia. El, ademais, dirixiu Grial, durante 15 anos. Desta vez, aparecen varias novidades xa que quixemos facer un esforzo no coñecemento da súa biografía, polo que se ofrecen tres artigos de tres etapas diferentes".

Por un lado, fálase do Carlos Casares dos anos 60, de cando fai a carreira universitaria. Un segundo artigo -asinado por Xosé Ramón Quintana- trata do escritor nos anos 70, na Transición. Neste caso, fixa a atención no seu "papel importante na Transición política".

Monteagudo entrou en detalle sobre isto último: "Galicia tiña entón a posibilidade de ter un estatuto de autonomía cun rango comparable ó de Euskadi e Cataluña; pero tamén había a posibilidade de que entrase na xeira das autonomías á baixa, nun segundo nivel. Houbo un pulso moi grande do galeguismo histórico porque non se rebaixase o nivel de autonomía. O principal en loitar polo primeiro foi Ramón Piñeiro pero Casares tamén foi moi importante. El tivo un papel moi importante no primeiro Parlamento de Galicia, na Lei de Normalización Lingüística, na Lei da CRTVG, na do Consello da Cultura Galega", ente este último do que chegaría a ser presidente.

Precisamente, Grial, tamén tratará a súa etapa institucional fixándose no significado que tivo o seu traballo na cultura galega.

Grial tampouco esquece coa súa aportación analizar a obra literaria do autor.