Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Las conferencias de Club FARO

Justo Beramendi: "En Galicia, estamos na segunda división do primeiro mundo"

"Breogán non é un personaxe histórico", defende o historiador, quen lembra que "nesta península bendita, o nacionalismo que máis mortos provocou foi o español"

Rubén Rey presentou onte no Club FARO a Justo Beramendi (dereita). // Alba Villar

Ó historiador Justo Beramendi (Madrid, 1941) non lle importa tirar abaixo cos mitos con raigames na aura sentimental e afectiva dun pobo. Tampouco se bota para atrás para defender a obxectividade da historia que el narra e defende, inda que ás veces diga á cara cousas que moitos preferirían non oír. "En Galicia, estamos na segunda división do primeiro mundo", afirmou onte de forma taxante no Club FARO. Para comprendermos a sentenza, hai que percorrer as liñas do seu último libro, Historia mínima de Galicia (Turner), onde sinala que o país ten "a mochila cargada de bastantes progresos e outras tantas carencias" vivindo a "ameaza da creba do modelo político e social europeo" ante un "futuro incerto".

Quen non coñeza a Beramendi, debe ter coidado con ollar para os seus datos de nacemento. Galego de adopción, é non obstante galego de corazón; coñece a historia desta nación mellor ca outros de liñaxe galaica remontada ata os tempos de María Castaña (unha muller galega do século XIV).

Presentado onte en Vigo polo xornalista Rubén Rey, respondeu a quen ten a dúbida de se a verba nacionalismo leva implícita a acepción de xenofobia. "Depende. Hai unha tendencia intrínseca ó reafirmar o propio en menosprezar o alleo, pero non é necesario. Si, desenvólvese en momentos de crispación ou de conflito. Non só se desenvolve no nacionalismo vasco, senón en todos, incluído o español. Nesta península bendita o nacionalismo que máis mortos produciu na historia, con moita diferenza, foi o nacionalismo español. E eu son dos que chamou a ETA fascista dende moi pronto, polos seus métodos e, polo tanto, estou en absoluto desacordo con ela", confesou..

Respecto das ideas nacionalistas actuais, avisou de que "só con dicir 'Galicia ceive, poder popular' non chega. Só con dicir 'Catalunya, independent' non chega porque hai que dicir como se organiza politicamente esa nación, que tipo de economía queremos dentro dela. Esa idea central do nacionalismo ten que combinarse cunha ou outra ideoloxía de base. Aí aparecen as distintas tedencias do nacionalismo que pode ir dende o marxismo-leninismo da UPG no seu día, non sei se o segue sendo, ata o nacional-socialismo que é o racismo. No medio, todo o que se queira: liberalismo, democracia cristiana...".

Beramendi, quen leva máis de 40 anos estudando a historia de Galicia e do seu nacionalismo, lembrou que "o conto do cosmopolitismo, o nome vello da globalización, vén do século XVIII. O cosmopolitismo uniformiza moitas cousas. A idea de que a humanidade é toda unha xa vén da Ilustración cando se defendeu que as persoas eran sustantivamente iguais entre si e adxetivamente diferentes. De aí, veñen os Dereitos Humanos".

O catedrático emérito de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago tamén tivo tempo para repasar varios episodios históricos chaves da nación galega. Non obstante, aproveitou para sinalar que "Breogán non é un personaxe histórico (...) Non sei se existiu pero non está comprobado en absoluto. Provén do mito celta que se introduce no século XIX a través de Vera i Aguiar. (...) Coa obra de Murguía, acaba calando na sociedade ese mito que se manifesta en cousas actuais como o Real Club Celta de Vigo".

En canto a posible orixe celta do pobo galego, apuntou que "pasouse de dicir que eramos celtas a que non houbo celta ningún. Eu creo que no termo medio está a virtude. Algo de celtas houbo pero misturado con outros sustratos. Na meseta norte de España si está perfectamente documentada a presenza deste pobo máis ca no noroeste".

Importante tamén foi oílo falar sobre a "peculiaridade de Galicia" con respecto a outros pobos do Medievo. "Os árabes apenas puxeron un pé aquí. Chegaron a Lugo. Instaláronse alí pero non aguantaron máis de 40 anos: o clima non lles gustaba, era unha zona pobre en comparación co sur...A pegada musulmana aquí é cero", rememorou.

Na referencia á Reconquista, comentou con sorna que nos inicios "eran catro en Asturias; cabían nun taxi e inda sobraban prazas, a pesar de toda a mitoloxía posterior de Covadonga e Pelaio". Bromas fóra, apuntou que "a verdadeira base demográfica, económica e territorial da monarquía asturiana era o territorio da Gallaecia romana, a Galicia e o norte de Portugal, iso se traducía nun peso importante da nobreza galega na política da monarquía asturiana. Na Idade Media, Galicia é fundamental, por iso, os monarcos astures e leoneses, os fillos que ían ser herdeiros da coroa os nomeaban herdeiros de Galicia porque era a parte fundamental da monarquía astur-leonesa. Isto empezou a cambiar a peor coa unión das coroas de León e Castela".

Compartir el artículo

stats