Visitan Galicia de xira, para presentar o seu novo disco 'Camiño', e para elas é volver á orixe, "á nosa terra, á da nosa familia". As pandereteiras de 'Ialma', que con este disco cumpren xa 20 anos de carreira musical, viven en Bruxelas. Naceron en Bélxica pero síntense galego-belgas.

"Sentímonos voceiras dos homes e mulleres bos, xenerosos, humildes e loitadores que non puideron ver medrar os seus soños na súa terra e no seu tempo, pero non por iso perderon a dignidade nin o sorriso", comentou como sensación no inicio desta xira, e tras aterrizar en Galicia, Verónica Codesal, unha das artistas da formación.

Acaban de desembarcar na comunidade e traen o seu quinto traballo discográfico, que dedican, precisamente á emigración. As irmás Codesal, Marisol Palomo e Magalí Menéndez son as compeñentes oficiais de Ialma. A xira da formación con esencia de Galicia e Bélxica, así como outros ritmos e culturas do mundo, empeza precisamente hoxe, no Día de Rosalía. Tras participar nun acto esta mañá no Hostal dos Reis Católicos, inaugurarán o percorrido musical pola comunidade esta tarde na Casa de Rosalía, en Padrón.

O domingo estarán en A Coruña, no Garufa Club, e o luns en Lugo. A xira seguirá despois por Madrid, Barcelona e Zaragoza, para voltar o 1 de maio ao Teatro Rosalía (A Coruña), ao Principal en Santiago, para rematar en León, no Albéitar.

No 2011 sacaron o seu cuarto traballo: 'Simbiose' e agora é o turno de 'Camiño'. As compoñentes do disco participan na composición de letras e melodías, xunto co músico Brais Fernández, que ocupa un lugar destacado neste disco.

Ademais de temas tradicionais, o disco inclúe unha cantiga en italiano. Outro dos ángulos deste traballo, a maiores dos seus vínculos con Galicia, é a diversidade cultural e a multiculturalidade dun país como Bruselas.