"Ribeiras de Salitre" dedica o seu capítulo 32 a "un dos portos de altura que máis destacan en Galicia", o de Marín, onde tamén se atopa pesca de baixura, cunha Confraría con catrocentos asociados. A serie emítese hoxe ás 15.30 na Televisión de Galicia.

Dentro do porto, Xosé Henrique Rivadulla Corcón, director da serie, visita o Centro de Formación Aixola, onde se forman, entre outros oficios, os carpinteiros de ribeira. Onde falará cun dos profesores do centro Santiago Cancelas e co alumno José Chantada. Os dous amosan o seu entusiasmo porque a carpintería de ribeira siga sendo unha actividade próspera dentro dos oficios que se fan para o mar.

Para saír ao mar as cámaras da serie producida por Celta achéganse ao porto de Aguete, que tamén pertence a Confraría de Marín. Neste porto ten a súa seda a Asociación de Pescadores Chirleu, formada por mariñeiros retirados, e con dous deles, José Valero e Isidro Guimeráns, navegarán nunha dorna que pertence á asociación.

A música neste capítulo ven das tabernas do porto, da man dos Saljariteiros. En Marín existe unha tradición de vello de cantar nas tabernas e a día de hoxe existen varios grupos que se dedican aos cantos de taberna. Un dos máis destacados é precisamente o que cantará para o programa.

Un bo polbo e percebes vaino preparar Manuel Otero e a súa nai Mercedes Gonzalez.E da man de Elías García descubrirase un tesouro: a súa colección de cunchas e curiosidades mariñas, recollidas nas súas travesías como contramestre en barco de Pescanova. García ten unha das máis importantes colección de cunchas de toda Galicia.