Centros docentes do Bierzo (León) e de Sanabria (Zamora) celebraron varios esta semana para conmemorar o Día do Galego, enmarcados na VIII edición das Xornadas Martín Sarmiento. Estes colexios levan quince anos ensinando asignaturas en galego ou de galego dentro duns acordos dos gobernos da Xunta de Galicia e da Junta de Castilla y León.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou nos actos desta semana e aproveitou para informar de que se ratificou o compromiso de ámbolos dous executivos para a continuación do programa do galego nas escolas destas zonas estremeiras co país galego.

Esta nova edición, na que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria volve colaborar coa Comisión Cultural Martín Sarmiento, congregou no Teatro Vilafranquino da devandita localidade leonesa boa parte dos máis de mil escolares de ensino primario e secundario que estudan lingua e cultura galegas no Bierzo e Sanabria.

Na inauguración das xornadas, o secretario xeral de Política Lingüística estivo acompañado pola subdirectora xeral de Política Lingüística, María Antón; polo alcalde da vila, José Manuel Pereira; polo director xeral de Recursos Humanos da Consejería de Educación da Junta de Castela e León, Jesús Hurtado; e polo presidente do Consello Comarcal do Bierzo, Gerardo Álvarez. Todos eles mantiveron, tamén, unha xuntanza no concello de Vilafranca para coordinaren os estudos e maila promoción da lingua galega en toda a zona.

O acceso á aprendizaxe do galego é posible nos territorios limítrofes das provincias de León e de Zamora coa comunidade autónoma galega -en concreto, nas áreas do Bierzo e de Sanabria- en preto dunha vintena de centros educativos adscritos ao Programa de promoción do galego posto en marcha pola Xunta de Galicia e pola Junta de Castela e León hai case 15 anos, como medida de promoción do uso e do ensino da lingua propia de Galicia nestes territorios galegofalantes do exterior.

A presenza viva da lingua galega nestas zonas desta comunidade autónoma veciña concédelle un valor transfronteirizo e supón un fito ao converterse nunha lingua cooficial que pode estudarse máis alá do seu territorio.

Valentín García manifestou a súa "satisfacción porque se consoliden estas xornadas que actúan como punto de encontro e referencia da aprendizaxe do galego no Bierzo e Sanabria".