A nave de Berrogüetto está a piques de atracar pero a súa música seguirá a ser unha errante nos camiños das lembranzas. O vindeiro domingo, Vigo recibe a banda e a meirande parte dos seus excompoñentes no último concerto da xira de despedida. Pasaron 19 anos dende aquel Navicularia e o vigués Anxo Pintos, fundador, fai balance.

-Que gardan para este directo?

-Imos en orde cronolóxica inversa á saída dos nosos traballos discográficos nunha especie de fuxida á Ítaca da que saímos hai 19 anos. No escenario, estará a meirande parte da xente que pasou polo grupo. Estamos moi pendentes do que suceda con Guadi Galego. Está a punto de acabar ou renovar unha baixa polo seu avanzado estado de xestación. Ela, desde logo, ten moitas ganas, tantas coma nós, de estar neste último concerto.

-Entradas esgotadas dende hai días. O público debeuse volcar máis co grupo nestes anos?

-Moita xente cando se enterou de que o deixabamos, dirixíase a nós dun modo un tanto lutuoso case como se lles morrera un familiar. Moitos nos comentaran que formaramos parte da banda sonora da súa vida, que fixeran o amor coa nosa música, que fixeran os seus fillos coa nosa música, que casaran con ela... É normal que sendo só cinco concertos e en teatros con aforo limitado que eses lugares se enchan. É certo que no momento que vivimos coa única posibilidade de ir á taquilla e os poucos festivais dispostos a programar a música como a que fai Berrogüetto non son suficientes para manter a estrutura empresarial do grupo. Nestes últimos anos, atopámonos con que o mercado é pouco propicio para seguir esta filosofía. Evidentemente, hai que buscar máis recursos fóra do grupo o que supón unha merma de atención cando sempre nos puxemos un grao de esixencia alta para o noso produto. A mellor maneira de non comprometer o que lograramos era saber dicir adeus.

-Cambiou moito o público dende aquel 1995 cando empezaron.

-Agora hai moi poucas posibilidades de levares ti as rendas da túa música. Unha das consecuencias da dixitalización dos soportes é que ti perdes o control de como queres que se ofreza a túa obra. Nós sempre traballamos de forma moi conceptual, entendendo cada disco coma unha obra de arte. Todo iso pérdese nesta arte 3.0 na que o consumidor elixe en que orde consume as cancións. Non hai suficiente paciencia para abrir un libreto e ollar para todo ese microuniverso dun disco, nin para escoitalo atentamente. A xente non quere escoitar un concerto se non participa. Os grupos que mellor funcionan son os que permiten facer karaoke con eles. Asistimos á disolución do concepto romántico da arte e do artista, vixente dende o periodo romántico ata finais do século XX. Hoxe en día iso xa non existe nin vai volver existir. Hai un cambio de xeración e de modo de consumo.

-Tocan no antigo García Barbón, onde se estrearon. Será un momento duro?

-É un momento cunha parte doce e outra menos doce. Chegamos ó final dun proxecto engaiolante de 19 anos. Facémolo onde presentamos Navicularia, aquel primeiro disco. Cando rematamos, houbo unha ovación que non paraba tras minutos e minutos... unha sensación de que estabamos creando unha música unida a emocións, unha paisaxe, a unha idiosincrasia e un país, foi algo que fixeran os grandes Milladoiro. Ímonos despedir cun sorriso e seguramente cos ollos cheos de brillo por unhas bágoas que pretenderán asomarse pero felices por unha comunición coa sociedade que chega ós nosos días.