O naturalismo irrompe con forza da man de autores coma Émile Zola, a quen debemos Germinal (1883), novela famosa que prestará nome a numerosas sociedades obreiras e racionalistas, como aquela que existiu na Coruña no primeiro terzo do século XX. Zola tamén publica en 1881 un conxunto de traballos, O naturalismo no teatro que contén un programa de traballo para converter a escena en espello da faciana máis doente da realidade.

Fronte ao realismo, o naturalismo quere mostrar ámbitos e aspectos do real sen ningún tipo de mediación por parte do creador. Obras como Na Dnié, (traducida como Os baixos fondos), de Máximo Gorki, dan conta da natureza da materia dramática que consideran, e que daría lugar a non poucos problemas coas audiencias habituais dos teatros burgueses da época, pero que, porén, conseguía a mobilización de sectores oprimidos do corpo social. Lembremos que textos como Casa de bonecas de Ibsen xerou polémicas en toda Europa debido a un final inesperado no que unha muller abandona home e fillos na procura dunha vida diferente, ou como en Galicia a peza de Manuel Lugrís Freire A ponte provocaba sentimentos encontrados entre os rexionalistas por mor da morte violenta dun cacique.

Tal e como Ibsen, Hauptmann vai ser autor de referencia naqueles tempos de loita, de tantas ilusións e tentativas de revolución. Malia non ser un revolucionario declarado, a súa obra Die Weber (Os teceláns) converteuse nunha peza de referencia na denuncia contra a explotación capitalista. Ocorreu o mesmo que acontecera con Germinal de Zola; mesmo en contra da intención do autor, a obra pasou a ser un símbolo das loitas proletarias.

O interese daquela obra magnífica de Hauptmann radica sobre todo no tratamento da materia narrativa e na configuración do drama que aquela contén, pois aplicando con verdadeiro acerto o programa positivista, o autor intúe xa os principios do que vai ser con Erwin Piscator o teatro documento e con Bertolt Brecht o teatro épico. En efecto, o autor actúa fronte á realidade dos feitos coa mesma actitude que un científico fronte ao mundo físico.

Tomando como referente histórico as loitas dos traballadores do sector téxtil que teñen lugar en Silesia en 1844 e que supoñen o inicio das loitas obreiras e das primeiras folgas en Europa, e sobre as que Heinrich Heine escribira un célebre poema, Hauptmann realiza unha recreación dos feitos mostrando aos diferentes actores en acción coas súas visións e contradicións, evitando tomar partido de forma expresa, o que lle dá á obra unha dimensión obxectiva, e, en boa medida, dialéctica. Esquece tamén considerar a figura do heroe para situar en escena dous bandos en loita: dunha banda os traballadores, e da outra os empresarios, sen esquecer mostrar igualmente as complicidades doutros grupos, tal que os labradores ou a Igrexa.

Afondando na dimensión positivista da súa mirada, Hauptmann opta por utilizar un coñecido patrón formal para a recreación dos feitos, como era o "drama en estacións", tan propio das representacións teatrais de carácter popular que aínda hoxe se celebran en Europa central, e que xa se reflectira nos retablos da pintura relixiosa medieval que recreaban escenas singulares das vidas dos santos ou de pasaxes bíblicas. Hauptmann pois non toma partido, cando menos de forma explícita, optando por unha posición distanciada, o que no seu día foi causa de problemas, ora porque considerasen a obra subversiva e incendiaria, ora porque a cualificasen de pouco comprometida. Nesa distancia diante dos feitos, propia do científico da época, derivan as moitas cualidades dun texto que figura entre os clásicos da literatura universal. Textos aínda por publicar en lingua galega, coma tantos outros.