A Fundación Novacaixagalicia presenta, na súa sala do antigo café Moderno de Pontevedra, até o 29 de xullo a mostra Fred Stein (1909-1967). A paixón do cotián, dedicada ao alemán Fred Stein (Dresde, 1909-Nova York, 1967), un fotografo moi relevante e parte desa inxente diáspora de pensadores, científicos e artistas que o nazismo provocou e que inxectou notabilísima altura intelectual á vida norteamericana de mediados do pasado século.

Stein foi unha das máis sobranceiras figuras da fotografía urbana, deixando unha visión de enorme riqueza do ambiente das cidades de París e Nova York, que serían foco da súa cámara, a primeira nos anos trinta e a segunda nas seguintes décadas.

O ascenso do nazismo en 1933 fixo que o fotógrafo se instalase na capital francesa, xunto a súa esposa Liselotte Salzburg, para máis tarde fuxiren cara os Estados Unidos cando a guerra pon en perigo a súa vida. Cómpre lembrarmos que Stein era xudeu e desde mozo tivera interese pola política, mantendo un activismo antifascista.

No París dos trinta vai estreitar os seus contactos coa intelectualidade da capital francesa e ao tempo que retrata a vida da cidade desde as rúas, tamén deixa testemuños do seu tempo con retratos do seu círculo de amizades e en xeral dos círculos artísticos: André Malraux, Hannah Arendt, Willy Brandt, Le Corbusier, Bertolt Brecht, ou os fotógrafos Gerda Taro e Robert Capa, cos que chega a compartir vivenda.

A fotografía de Stein gozou en vida dun notábel recoñecemento. Sona gañada, nomeadamente, polos seus retratos e instantáneas de rúa. O seu ollar é dunha claridade punxente e ao tempo delicada. Coa súa Leica portátil puido documentar a ritmo vital da cidade moderna amosando esa "beleza do cotián" á que se refire atinadamente o título da mostra.

Na fotografía Fred Stein reflíctense os trazos característicos do seus estilo: a súa vontade por se achegar ás persoas, cun interese especial polas faces e a súa expresividade, mais sempre cun desexo de "representación", cun enorme respecto polo modelo, sen renunciar nunca a transmitir unha mensaxe de inquebrantábel fidelidade ao espírito dos valores que percibe, pero sempre cuns trazos de evidente poeticidade. Espírito que pasa dos seus retratos de París aos de Estados Unidos e que continúa na súa serie de fotografías de Nova York, cunha acentuada calidade nas súas composicións de rúa e edificios. Nesta fotos os acontecementos captados de xeito espontáneo nas rúas queren subliñar as formas e mais o deseño, con énfase na linealidade e con marcado gusto polas estruturas arquitectónicas. Unha obra que ten moito de innovadora pola súa pureza, ausencia de trucaxes e pola súa vontade de comunicación directa e na que a cidade de Nova York ocupa un papel sobranceiro

A obra de Stein é parte dun novo concepto de achegamento á realidade que se afasta do impersoal para converter a obra nun produto de autor, que se implica emocionalmente e que entende a actividade fotográfica, e a artística en xeral, como memoria dun tempo.

Hai unha clara preferencia por construír imaxes dignificadoras, que eluden o macabro e nas que a figura humana e o rostro son obxecto de especial interese, dentro dunha linguaxe afín aos realismos documentais. Constrúe imaxes moi elaboradas e de composicións perfectamente equilibradas, dentro da aparente simplicidade. Nelas fai abrochar, con todas as consecuencias, a complicidade do autor, sendo consciente da importancia que pode ter unha determinada imaxe e do seu valor.

Interesante, de seu, como testemuño de época, a fotografía de Fred Stein ten tamén un valor como un produto artístico dunha determinada época, exemplo dunha concreta orientación estética, moi representativa da deriva do convulso contexto internacional dos anos trinta e corenta. Os seus traballos son, pois, magníficos exemplos dunha estética documental e humanista mais suavizada que a doutros contemporáneos.

A obra do xermano hai que situala, xa que logo, nos parámetros dun fondo respecto co medio, lonxe de calquera afectación mais cun extremo rigor formal, un rigor procurado. Unha obra que lonxe dunha utópica obxectividade procura a maior integridade e honestidade posíbel.