Despois de nove anos de traballo, a Real Academia Galega saca á luz o seu novo ´Dicionario´, un volume con máis de 50.000 entradas totalmente actualizado que desde onte se pode consultar a través da nova páxina web da RAG. "É tempo de innovar e de levar a Academia a todas as casas", explicou o presidente da institución, Xosé Luís Méndez Ferrín, que destacou o carácter práctico da nova web e a importancia deste novo ´Dicionario´. "É un tesouro. O máis valioso dun pobo son as súas palabras", comenta Ferrín.

Baixo o lema de "agora toca innovar", a Real Academia Galega (RAG) puxo en funcionamento onte a súa nova páxina web, un espazo aberto a todos onde o plato forte é o Dicionario da RAG, por primeira vez en soporte electrónico.

O obxectivo da Academia, segundo dixo o seu presidente, Xosé Luís Méndez Ferrín, é "levar ao pé de cada casa todo o patrimonio da institución" e reivindicar "a súa vocación de servizo público".

O Dicionario, calificado de "tesouro" polos responsables da Academia Galega e que conta con máis de 50.000 entradas, estará en constante mellora e amosa un carácter práctico, de forma que cada usuario que busque unha palabra atopará o seu significado, os sinónimos e antónimos, a súa fraseoloxía e familia léxica e mesmo a súa pronunciación –mediante un audio–. Este volume constitúe, explicou Ferrín, unha ferramenta útil para coñecer mellor a lingua galega e solucionar dúbidas en tempo real. O manual, no que a Academia leva nove anos traballando, irase modificando segundo sexa preciso.

A idea da RAG, segundo dixo o lexicógrafo Manuel González, "é editar este Dicionario pronto en papel, porque dá máis autoridade publicar periódicamente unha edición impresa", pero considerou que a versión electrónica presenta unha grande vantaxe: o seu dinamismo e a súa capacidade de mellora instantánea. Axustados a ese obxectivo de innovar co que comezou a súa intervención o presidente da Academia, o secretario da RAG, Xosé Luís Axeitos, anunciou que o novo manual terá a súa aplicación inmediata para ser utilizado en móbiles e tabletas. "Estes son os retos do futuro", sinala o centro nun comunicado.

O apartado dedicado ás Letras Galegas é outra das seccións salientables da web, así como os fondos bibliográficos, históricos e artísticos da RAG, ós que poderá acceder o visitante virtual –entre outras cousas, amósase unha cédula de identidade de Rosalía de Castro, o precedente do DNI–. Méndez Ferrín destacou tamén que outra das importantes novidades é a posibilidade dos usuarios para facer consultas e discutir problemas da lingua. "Esperamos moitas peticións, igual non se cumplen todas pero serán estudadas", comentou Axeitos.

O novo Dicionario, segundo González, presta unha coidada atención ós dereitos humanos e non utiliza termos que poidan discriminar, ben sexa a minorías ou por xéneros. Un manual, dixo Ferrín, que coida "o máis valioso dun pobo, as súas palabras".

María Casares

O escritor Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da Real Academia Galega, lerá o Manifesto Galego do Día Internacional do Teatro durante a gala de entrega dos XVI Premios de María Casares.

A lectura do texto, redactado polo propio literato, será un ingrediente máis da cerimonia que acontecerá o vindeiro 3 de abril, dende as 20.30 horas, no Teatro Rosalía de Castro de A Coruña. Nela entregaranse os galardóns das 13 categorías a concurso e máis o Premio Marisa Soto de Honra á Sala Nasa.

En palabras de Antonio Durán "Morris", presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia: "É unha honra que aceptara a nosa petición, representando a unha institución como é a Real Academia Galega".