O plenario do Consello da Cultura Galega renovou onte a súa aposta polo proxecto defendido durante os catro anos pasados polo seu presidente, Ramón Villares, que foi reelixido para o cargo practicamente por unanimidade nunha sesión extraordinaria celebrada onte pola tarde.

Agora, o nomeamento oficial debe facelo o Consello da Xunta. Non obstante, e en cumprimento do actual regulamento da institución, que foi aprobado en 2008, o presidente electo solicitará por vez primeira na historia da institución –de feito, xa o fixo onte– comparecer ante o Parlamento para explicar o seu programa e dar conta do que a Cámara "considere oportuno".

Villares expresou a satisfacción e o agradecimento que lle produce contar coa "confianza" do plenario do Consello para a continuación dun programa que insistirá nas mesmas liñas ca cando asumiu o cargo en 2006. Así, explicou, os seus obxectivos serán incrementar a "musculatura administrativa e de xestión do Consello" como institución pública e facer del "un centro de referencia no sector cultura, un lugar de encontro, de debate, un laboratorio de ideas", ademais do papel consultivo e de asesoramento que xa se lle dá por suposto como organismo estatutario. Iso sen esquecer a necesaria proxección exterior da cultura galega, outra das súas funcións.

"Esas son as liñas que me guiaron no noso traballo e que eu renovei no plenario e á vista da votación son do agrado dos membros", suliñou o catedrático de Historia, quen tamén expresou o seu desexo de poder "seguir esta velocidade de cruceiro" e que estas "grandes liñas se consoliden".

Ademais, avanzou que "agora o Consello da Cultura Galega está a piques de iniciar unha segunda fase de reflexión estratéxica sobre a cultura galega" que se concretará en "foros de debate".

Logo de lembrar que o Consello "non crea cultura, senón que contribé a xestionala e a gobernala", xa que o outro lle "atingue a outros poderes", Villares fixo fincapé na "eficacia do cumprimento do orzamento" da institución e no "esforzo" por que a xestión sexa máis "transparente". Nese senso, recoñeceu que o recorte nas partidas presupostarias, que proveñen dos orzamentos do Goberno galego, non lle "quitan o sono". "Esta non é unha casa de diñeiro, é unha casa de ideas", argumentou, para resaltar que se inda co descenso se pode "manter a velocidade".