Das 64 candidaturas, a Unesco escolleu a 43 novas afortunadas para levar o título de Obras Mestras do Patrimonio Oral e Inmaterial da Humanidade. Dentro do Estado español, só foi escollida a festa de La Patum de Berga, de orixe medieval. Nembargantes, o flamenco e música andalusí, presentada tamén co apoio de dous países, correu a mesma sorte cá galega.

Entre as que si pasarán a formar parte deste patrimonio na que foi a "terceira proclamación" deste tipo feita pola Unesco, atópanse dende a samba de Roda de Recôncavo de Bahía (Brasil), o teatro kabuki xaponés, os cantos longos tradicionais populares mongois (Mongolia e China), Taquile e a súa arte textil (Perú), o teatro de sombras jemer (Camboya), a danza das máscaras de tambores de Drametse (Bouthan), a música duduk (Armenia), o espazo cultural do Palenque de San Basilio (Colombia), os xigantes e dragóns procesionais (Francia e Bélgica) ata o sistema de adiviñación Ifa (Nixeria).

A Unesco expón na súa web os criterios de selección e sinala "que as expresións e os espazos culturais propostos deben constituír unha tradición cultural viva, proceder do xenio creador humano, contribuír á afirmación cultural da comunidade ou estar expostos ó risco de degradación ou desaparición". As candidaturas "deben dispor dun plan de acción, de revitalización, salvagarda e promoción, pois a inscripción de espazos e de formas de expresión cultural non constitúen unha protección en tanto que tal".

As obras escollidas pódense consultar na páxina da Unesco en www.unesco. org. Ademáis da recén nomeada festa de Berga, España está na lista co Misterio de Elche (escollida en 2001).