Alguén lle comentara había tempo que ía se-lo ano da reflexión sobre a morte. Emma Pedreira (A Coruña, 1978) podería ter esquecido a frase pero a lectura do libro Solaina da ausencia de Xulio Valcárcel fíxolle entende-lo vaticinio. "Os mortos marchan sós", rezaba un dos versos. Meses despois, iniciaba a escrita de Antítese da ruína, poemario no que reflexiona sobre o saúdo a Caronte e co que onte gañou o IX Premio de Poesía de Novacaixagalicia, dotado con 12.000 euros.

No momento no que o presidente do xurado, Luís González Tosar, lle comunicaba por teléfono o fallo, Emma Pedreira dispoñíase a recoller outro galardón, o Manuel Oreste Rodríguez López pola obra Caderno de Lisboa.

"Morro do gusto", respondía onte ó saberse gañadora do premio de poesía Novacaixagalicia. "É un dos máis importantes economicamente e tamén pola nomina de autores que o acadaron" e entre os que se atopan Xoahana Torres, Luz Pozo Garza ou Miguel Anxo Fernán Vello.

En canto á xénese da obra, Emma Pedreira confesaba ter escrito un poemario "autobiográfico" como o resto dos textos "feitos ata agora" coa salvedade de que este fala da ruína, de sentimentos críticos, da reflexión sobre a morte", explica a creadora, quen tivo a percepción de que este foi "un texto difícil de escribir pero tamén de ler". O xurado, pola súa parte, destacou "o seu valor poético, as sorprendes imaxes".

Por último, presentouse onte o libro Ser auga, darse en auga, no que se percorre medio século de creación de Bernardino Graña, na colección Arte de Trobar.