19 de octubre de 2009
19.10.2009
Mobilización contra a política lingüística autonómica

Unhas 50.000 persoas protestan en Santiago contra os "ataques" da Xunta ao galego

Convocadas por "Queremos galego" e apoiadas polos partidos da oposición, os manifestantes entenden que o Goberno invalida medidas de promoción da lingua, coma o decreto do ensino, e recorta liberdades

19.10.2009 | 11:08
Os miles de manifestantes encheron por completo a praza da Quintana en dúas ocasións.

A plataforma "Queremos galego" mostrou onte polas rúas de Santiago a contestación social coa que conta a política lingüística da Xunta. Unhas 50.000 persoas –case o dobre segundo a organización–, mobilizáronse contra o que consideran un ataque ao idioma galego por parte do goberno do PP, plasmado en medidas como a derogación do decreto que regula o galego no ensino, a consulta aos pais sobre o idioma, a supresión de axudas para a tradución de libros e a reforma de Lei de Función Pública que suprimiu a obrigatoriedade de facer un exame en galego nas oposicións.
Detrás desta "marea humán", como así lle chamaron, está unha plataforma respaldada por máis de 500 entidades de todo tipo e 3.000 particulares, pero tamén os sindicatos e os dous partidos da oposición, o PSOE e o BNG, que estiveron representados polos seus máximos dirixentes. Ate estivo o ministro de Xustiza, Francisco Caamaño. "Identíficome plenamente con Galicia e có que estou facendo. Defender a lingua dos meus avós, dos meus pais e a miña, porque tamén quero que sexa a dos meus fillos", dixo o ministro, que non dubidou en sinalar ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, coma o "principal perigo do galego".
Foi tanta a xente que acudiu que fixo pequena a manifestación convocada do Día das Letras Galegas, na que participaron unhas 20.000 persoas, e obrigou a repetir o acto final de lectura dos manifestos para que entraran todos os participantes. "Nin un paso atrás", "Aprender en galego non é un delito" ou "Polo dereito a vivir en galego" foron algunhas das consignas cantadas durante todo o percorrido e os lemas das numerosas pancartas. Os únicos incidentes producíronse cando un grupo de participantes lazou globos con pintura contra as lunas e os caixeiros automáticos de diversas entidades bancarias, que quedaron varias horas inutilizados.
No centro de todas as críticas estivo o PP e a Xunta, aos que acusan de invalidar "medidas positivas" de promoción do galego e recortar dereitos. Fran Rei, coordinador de "Queremos galego", a actriz Patricia Vázquez, Avelino Pousa Antelo ós seus 95 anos, Carlos Callón –presidente de A Mesa– e o polifacético Xurxo Souto foron os responsables de pórlle voz ás reivindicacións dos milleiros de persoas que ateigaron Santiago. Sobre todo, queren que o Goberno dea marcha atrás na súa política e recupere os logros acadados durante toda a etapa democrática porque, dixeron, por "primeira vez" unha Administración non só non defende a lingua propia, senon que a ataca.
Calificativos como "arrogante", "chulo" ou "prepotente" foron adicados a Feijóo. "Este ataque pode ser un motivo para o reverdecer do noso idioma coma o Prestige significou a defensa da costa", bramou Callón.
O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística cre que a pesares da mobilización, Feijóo vai seguir "xordo". "Pero un presidente serio e responsable debe aplicar o consenso e as leis, que é o que defendemos aquí", dixo, para que o Goberno non só estea instalado na "galegofobia" senón que ademais practica o "racismo lingüístico".
"Que tremen os arrecastados e que tremen eses que pensan que poden dispor da lingua como queiran. Se os galegos somos galegos é por obra e gracia da nosa lingua", soltou Pousa Antelo ante unha praza da Quintana abarrotada. "¡Fóra preguiza! Cómpre dar un paso adiante porque ista é una grande causa política e non partidista", espetou Xurxo Souto.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
 
Enlaces recomendados: Premios Cine