Ramón Piñeiro ten un nome propio no galeguismo, aínda que a súa traxectoria non sexa abondo coñecida. El, ben querido por uns e criticado por outros, participou na reorganización clandestina do galeguismo. El foi o elo que uniu -trala Guerra- aos galeguistas da terra cos do exilio ata que, ao regreso dunha viaxe de París para contactar co goberno republicano no exterior, foi prendido pola policía franquista. Seis anos de cárcere foi a sentencia. Cumpriu tres.

O reencontro coa liberdade supuxo un cambio na súa mente. Fronte á defensa do galeguismo político que defendera anos atrás, optou pola vía culturalista legal que, finalmente, desembocou na autodisolución do Partido Galeguista de Galicia. Para el, o obxectivo era acadar a galeguización xeral da sociedade sen a necesidade da existencia dun partido exclusivamente galeguista.

Piñeiro, naquela altura, artellaba outro proxecto: a fundación da Editorial Galaxia en 1950 da que foi o seu primeiro director ata 1966.

Os seus traballos para Galaxia -sendo codirector da revista "Grial"- foron unha colección de ensaios sobre a saudade, inaugurados co "Siñificado metafísico da saudade".

No 1967, ingresou na Real Academia Galega, participando despois nas negociacións nas que se consolidou o Estatuto de Autonomía. Foi deputado no Parlamento Galego, como independente nas fileiras do Partido Socialista, ademais dun dos pais da Lei de Normalización Lingüistica de 1983. Desde ese ano ata o 1990, foi o primeiro presidente do Consello da Cultura Galega. No 1993, a Xunta creou o Centro de Investigacións Lingüísticas Ramon Piñeiro en Santiago na súa memoria.