Marisol López definiu a campaña presentada onte pola Xunta coma "dinámica e contemporánea na súa liña gráfica, áxil, lúdica na forma, viva, diversa; unha cadea de palabras construída entre todas e todos, sexa cal sexa a nosa idade e a nosa procedencia, sexa cal for o noso pensamento persoal".

Trátase de conseguir, engadiu, "asentar na sociedade unha imaxe activa para a lingua galega".

Ao mesmo tempo ca na mocidade, a Secretaría Xeral de Política Lingüística incidirá nas familias. Así, retomarase a partir de setembro a xa coñecida "Xeración E logo!" que consiste no repartimento, a tódalas mulleres embarazadas en Galicia, dunha serie de materiais que favorecen a interacción cos bebés en lingua galega. Estes materiais inclúen música, xogos iniciáticos, escolma de nomes galegos para nenos e nenas e consellos psicosanitarios, entre outras cousas.