Desde que a Facultade de Tradución e Interpretación de Vigo licenciou á súa primeira promoción en 1997, un total de 785 alumnos teñen logrado o título. Hai espazo para todos no mercado? O actual decano, Joaquín Sueiro, defende que "a carreira ten unha boa saída" aínda que no eido editorial a entrada ten os seus atrancos. "Hoxe por hoxe o traballo nas editoriais está bastante cuberto", sinala. A tradutora Lara Domínguez vai máis alá: "É moi difícil vivir disto en Galicia e en España, non está ben remunerado. Págase mellor a tradución económica ou de textos doutro tipo que a literaria".

A anterior declaración evidencia que malia os últimos esforzos dalgunhas editoriais como Faktoria K, Xerais ou Galaxia, as obras foráneas que se poden ler en galego seguen a ser exiguas sen unha aposta xeralizada e potente por parte da industria. Neste eido, a normalización lingüística tamén é unha asignatura pendente herdada do pasado. "A tradución en Galicia existe desde hai vinte ou 30 anos. Antes, era algo simbólico, non normalizado", apunta a tradutora Eva Almazán.

"Revisando a historia da tradución en Galicia podemos deducir que nin hai nin houbo nunca, nin sequera no século XX, intento ningún de presentarlles aos lectores galegos unha selección meditada da literatura universal", recolle nun informe a Asociación de Tradutores Galegos (ATG), que para enmendalo creou o proxecto Bivir, Biblioteca Virtual dixital con 132 clásicos universais que se poden descargar de balde en www.bivir.com.