Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

"Visións da Raíña Godo": Un microrrelato galegolatino do século XI

"Visións da Raíña Godo": Un microrrelato galegolatino do século XI

A Brais Fidalgo e a Ribeiro en Común

Enredabamos no Fondo dos Espellos coa posibilidade de producir unha serie televisiva a base de relatos sonados da Hisotria de Ribadavia e do Ribeiro. Pensamos que o derradeiro podía construirse coas "Visións da Raíña dona Godo, de Galicia, que Díaz y Díaz isolou e estudou na súa obra Visiones del Más Allá en Galicia durante la Edad Media, Compostela, 1985. Trataría, a narración visual, do microrrelato, naturalmente en latín, que aparece no Cronicón Iriense (século XI) e despois tamén incrustado na Crónica de León ou Najerense e na Crónica de Sampiro.

Traduzamos o texto.

"O Rei Sancho fundou moitas igrexas, vilas e castelos. Fixo moitas guerras das que saiu vencedor. Mais, cando ligou cos condes de Portugal unha concordia firme e baixo xuramento, un certo Gundisalvo, con diversos obxectos, regaloulle un fardelo repleto de manxares empezoñados, entre eles unha pera. Comida a pera pestífera, o rei Sancho decatouse de que enviara un veleno. Cando intentaba retirarse a León, morreu polo camiño. A súa esposa, Raíña Godo, enterrou o corpo do Rei con grande honra no mosteiro de Castrelo, na riba do Miño. Ela quedou alí consagrada con outras donas.

Un sábado, estando a Raíña Godo ante o altar en oración a Deus, veleiquí que Don Sancho, defunto, seu home, se lle presenta suxeito con dúas cadeas e conducido por dous Demos. E dille a ela: "Estás a facerme ben". E engade: "Persevera". Así o fixo por cuarenta días de xexún, pranto e dispensación de esmolas largas. Trascorrido o espazo de cuarenta días, achábase a raíña Godo, noutro sábado, a rezar ante o altar. E, de novo, o seu home desceu perante ela cuberto o corpo agora cunha veste branca e con aquela pelica que a Raíña lle entregara a un sacerdote para estimulalo nas preces polo rei morto.

O rei morto diu en se gloriar porque estaba xa liberado do poderío diabólico; e contou moitas cousas do Paradiso e do Inferno. Pero, ao ela querer abrazalo, non foi capaz e, no intento, tiroulle unha porción da pelica. Dona Godo levou este retallo ao mosteiro de San Estebo de Ribas de Sil. E alí acharon a menos a pelica que a Raíña lle dera a un crego e levara ao mosteiro. Só había alí a parte da pelica que a raíña Godo acababa de amosar, cousa que ben miraron o abade e os frades. E isto foi grande milagre".

Non polo sucinto deixa este conto de nos impresionar. Xúntase envelenamento e crime político cun amor máis aló da morte. A sombra de Shakespeare invade os sucesos e está a pedir unha trama que, no noso tempo, só Cunqueiro podería ter escrito. As cadeas polas que Sancho está vinculado non poden senón evocarnos aquelas que acompañaron até a morte ao tamén noso Rei Don García. E a popularización, e trivialización, dunha pantasma que arrastra cadeas por corredores de castelos e conventos acompáñase da reminiscencia do rei morto de Dinamarca aparecéndose ao seu fillo Hamlet nos adarves. Tamén o folklore pertinaz abonda en aparecidos que piden misas, tal e como aínda a miña xeración sentiu contar nas lareiras. A condición de Don Sancho áchase eiquí reducida á de ánima exiliada do Paradiso. Ánima que, xa liberada, viste de branco, igual ca as materializacións que describía Allan Kardec nas obras fundacionais da doutrina espírita no século XIX. Vexan Le Livre des Médiums, París, 1862. Hai un detalle policíaco que nos aproxima ao Baskeville de Il Nome della Rosa. Trátase do anaco de pelica que constitúe, no relato, unha proba do que a linguaxe vulgar televisiva designa agora como "evidencias". E, para máis Umberto Eco, a indagación sucede nun mosteiro, o de Ribas de Sil que leva o nome de Santo Estevo.

En poucas liñas de texto latino contense, pois, un romance romántico, un drama político con rexicidio incluído, a precognición escatolóxica dun Purgatorio aínda indefinido, un conto de aparecidos non exento de costumismo decimonónico, un exemplo milagreiro nos lindeiros que cercan Gautier de Coincy, Gonzalo de Berceo e Afonso X o Sabio. E convén ler este microrrelato con atención porque Godo e Sancho, reis de noso, viviron na realidade e seguramente os seus ósos foron desfacerse en Castrelo de Riba do Miño. E quen foi Sancho e quen foi Godo na realidade histórica de Galicia?

Segundo Manuel C. Díaz y Díaz, o filólogo que disecou as Visións de Godo e nos fixo ver o texto coma unha miniatura narrativa, aquí confóndense as figuras de dous reis. Un, Sancho Ordóñez, soberano exclusivo de Galicia, cuxa esposa foi realmente chamada Godo. El foi unxido rei de Galicia e morreu no ano 929. Pénsase que o enterraron en Castrelo de Miño e que, sendo viúva, Godo se retirou ao citado mosteiro até morrer. Uns vintecinco anos despois, o rei, de Galicia e de León, Sancho, dito o Craso ou o Gordo, morreu envelenado por un tal conde Gundisalvo. Sospéitase que o envelenamento, mediante a inxestión dunha froita empezoñada que para algúns foi pera, para outros mazán ou pavía do Ribeiro, ocorreu en Ribadavia e que a morte produciuse en Castrelo, "in ripa Minei". Un e outro Sancho aparecen confundidos entre si na Crónica Iriense e nos textos históricos dela sufragáneos. Nós mesmos, e eiquí no Fondo dos Espellos, temos caído en equivocacións dese tipo, polo cal pedimos desculpas. Non aforremos un dato: nas Visións da Raíña Godo, o seu marido Sancho nunca aparece como home gordo ou craso, sendo o caso que Sancho I de León estivo tan gordo que non podía montar a cabalo. Grazas a que o médico de Abderramán III, Hasdai ibn Saprut, lle corcoseu a boca deixándolle un buraquiño para meter por el só líquidos, o home enmagreceu en cuarenta días (tan máxicos coma os da oración da Raíña Godo no microrrelato en que estamos). A este Sancho o Gordo, e non ao Sancho homónimo e marido de Godo, é a quen en verdade puideron asasinar en Ribadavia ou mesmo en Castrelo de Miño servíndose da súa tendencia á gula.

CAIXA POSTAL

O Domen de Dombate

  • Recibimos no Fondo dos Espellos un belo volume promovido polo concello de Cabana de Bergantiños e editado pola Deputación da Coruña: Antoloxía de Dombate, 2019. Trátase da recompilación de todos os textos literarios que, a partir de Pondal, se foron publicando sobre o Dolmen de Dombate. Tamén se mencionan os artistas plásticos que en Galicia interpretaron nas súas obras ou glosaron o motivo do dolmen. Este, orixinariamente considerado de orixe céltica, e non neolítica como a actualidade arqueolóxica nos esixe, é universalmente designado cunha palabra bretoa. Dolmen constrúese laxicamente cos elementos bretóns taol ou tol "mesa" e men "pedra". Tamén son bretoas as orixes, divulgadas a partir de 1802, ou así, en Francia, de menhir e cromlech. En realidade, o bretón Chateaubriand foi un valedor de tais bretonismos. Os alemáns, mesmamente, esquenceron a verba Hönengrab e substituíronna por Dolmen. A orixinal alemá quería decer "sepulcro dos xigantes", unindo a cultura tradicional folklórica coa función orixinal do megalito. En Galicia lle chamaron so dolmen "casas dos mouros" e doutras formas semellantes. Con Pondal, e co poema ao Dolmen de Dombate, este nome e este tipo de monumento entra no repertorio identitario nacional de Galicia con grande forza. Moitas grazas aos amigos do concello de Cabana de Bergantiños e da Deputación da Coruña polo seu envío. Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a: X. L. Méndez Ferrín Haz click para ampliar el gráfico Faro de Vigo Policarpo Sanz, 22 Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats