Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Notas á Viaxe que Trezenzonio fixo á Illa Magna de Solistición

Miniatura de asunto naval. "Codex Palatinus germánicus", Biblioteca de Heidelberg. 848. Século XIV.

Concentramos a continuación algunhas respostas a preguntas que nos foron formuladas, a propósito de Trezenzonio, por varios leitores.

ILLAS E SANTOS.- "Hai unha illa louvada/alá no fondal do mar./ Tén bois da color do tempo e pastoras de cristal..." Así cantou Cunqueiro as imposibeis illas submariñas que só Lugrís foi capaz de pintar, sempre en relación con santos náuticos. En Ardán (Marín) hai a Illa do Santo, que é San Clemenço na súa ermida achandada. O poeta que canta esta illa nos Cancioneiros apelídase Treez, como abreviatura de Trezenzonio. Xurxo Lourenzo e Álvaro das Casasa descubriron un sartego anónimo de Ons, que cobren as marés vivas: seguramente dun anacoreta insular. Ons, chámanse dúas freguesías terrestres, de Brion e Teo, que recordan Simón o Estilista. Simón ou Simión é o santo da Illa de Mendiño. Trahamunda, unha santa voadora de Poio que se relaciona con Tambo. Naturalmente trátase de illas mínimas con igrexiñas que non son a de Santa Tebra na Illa Máxima Solistitio, romanceada en Solistición.

LEABAR GABHÁLA. É o Libro das Invasións que narra a lenda fundacional de Irlanda. Cópialle a Paulo Orosio a estoria da Torre de Brigantia, que eiquí foi ergueita por Breogán onda as pedras do Boi e da Vaca, a praia da Lapa e Punta Herminia. O libro está en prosa e en verso. Otero Pedrayo resgatou do Leabar Gabhála para o galego o método poético da chamada concatenación céltica. Nós dicimos "Fogar de Breogán" no Himno, debido ao Leabar Gabhála. Os interesados deben ler a traducción francesa que influiu en Galicia intensamente desde o século XIX e que manexaron Otero, Pondal e outros. Na Academia Galego consérvase un exemplar, que pertenceu a Murguía. Tradución francesa, veleiquí a súa referencia: Leabar Gabhála. Traduit de l'Irlandais pour la première fois par Henri Lizeray et William O'Dwywr, París, 1884. Na biblioteca da RAG leva a signatura 659.

PHAROS.- A Torre de Breogán é o único faro prehistórico do Mundo que continúa en servizo. Por respecto relixioso, a cidade, hoxe Coruña, nunca se extendeu polas inmediacións do Faro, tamén nome da poboación. A forma etimolóxica é Pharos, en imitación do de Alexandría, que foi marabilla do Mundo. Na Antigüidade, cidade e faro, coñeceuse como Brigantium ou Brigantia: En grego, Ptolomeo, dille Brigántion. No conto de Trezenzonio, a parte cumial da Torre conta cun dispositivo, do que xa dispuña esoutra Torre e Pharos de Orosio e de Aethicus, co cal pode verse todo o que habitualmente non pode ser visto: sexa Britannia, Irlanda, ou a Magna Illa de Solistición. Nun intre dado, xa deixou de haber Faro, ou Brigantia, e, Trezenzonio, coloca alí outra cidade chamada Cesárea, que algúns poñen en relación fantástica con Ponte Cesures ou con Ponte Ceso. Finalmente, o lingüista e poeta Gonzalo Navaza dá razón do derradeiro, por agora, nome da cidade ártabra: Cruña. Que veu por vía libresca e arbitrista, segundo el ben razoa.

SPECULUM.- O obxecto máxico situado no cucuruto da Torre de Brigantia, e mediante o cal a pertinaz estoria di que pode ser albiscada a Illa de Irlanda, ou a de Britannia, ou a de Solistición, é Speculum. Seguramente se trate dun derivado do verbo specio, clásico latino, que abarca un vasto campo semántico da mesma maneira que o obxecto co que especulamos pode permitir abranguer illas do Mundo e Illas do Trasmundo. Vede o Dictionnaire Étimologique de Ernout Heillet que seguramente ampliará o voso campo visual simbólico. Estamos a falar en translingüística máis ben imaxinaria. A raíña das narracións de monxes a bordo de barcos que fan travesías imposibeis coido que é a navegación Sancti Brandanni Abbas, en texto latino do século XI (o século de Trezenzonio segundo Díaz). Logo, este prototipo multiplicouse por esporulación interna. E saiva Viaxe, tamén de San Brandán, que o prelado Benedeit escribiu en francés nórdico, dito anglonormando, na Inglaterra dos século XII. Esta última obra é moi complexa, rica, e divertida. Brandán e os seus freires matalotes recorren todos aqueles cousos que Mircea Eliade chamou oufanamente "niveis cósmicos". Alén diso, a Navigatio áchase intervenida pola presenza dos Beowulfen en monstros mariños de orixe xermánica. Nin o Leabar Gabhála nin o noso San Amaro nin o Trezenzonio coñecen tales horrores ou falsas illas que resultan ser peixes medrados. O Trezenzonio, si, está en contacto coa estoria do Bendito San Amaro, popular e moi rexeitada na Idade Moderna pola Igrexa Católica de Galicia. Cabanillas poetizou O Bendito San Amaro.

No Fondo dos Espellos non sabemos se o speculum, tivo ou non tivo que ver, no cumio de Torre algunha, coas viaxes narradas polos primitivos scotos ou asbios cristiáns que fuxiron das invasións anglosaxonas e foron buscar acougo no Renania. E alí, ao amor do viño branco e do rumor de Mosela e Rihn, soñaban coas illas perdidas e escribían as navegacións de San Brandán con nostalxia dos abismos oceánicos.

CAIXA POSTAL

No escalón de maré

  • Wow Olá. Eu tamén habito un espazo solitario. Mais, a diferenza de Trezenzonio, en vez de nunha illa deserta, estou no escalón de maré, despois de me quitar a capa de soño coa que ando, como moi ben di o poeta cubano Lezama Lima, nun dos seus poemas. Aí estou, á espera, coma Trezenzonio, para poder afundir o meu corpo na area das dunas e fundirme coa esencia da miña terra galega da cal estiven alonxada durante moito tempo a causa (...). Por iso lle escribo. Para lle dar as grazas polos seus artigos que, coa axuda de certos fantasmas, me guiaron coma un faro. Para permitirme un día acadar esa ribeira que, desde o escalón, eu outeo; coa seguridade, non exenta de incerteza, de que, se caio á auga, poido intentalo. Porque, mercé a vostedes, aprendín a me saber manexar nela para non parecer afundida. Atentamente.Purificación CidOurenseA maravillosa e onírica viaxe de Trezenzonio á Illa Magna de Solistición permaneceu en concavidades secretas até que a resgatou para os galegos, e non galegos e galegas, no século XX Díaz e Díaz. A filla del, Pilar Díaz de Bustamente, intelixente e erudita, díxome que todos os autores ocultos merecen ser favorecidos cunha Resurección. O meu mérito, no caso de Trezenzonio, non é outro ca o de traducir ao galego, e guiado por Díaz, a brevísima e intensa Viaxe de Trezenzonio, e a ofrecerlla aos leitores no FARO DE VIGO, que tantos Trezenzonios e Brandáns e outros prodixios se esparexeron en galego para os leitores gozaren por man de Cunqueiro. Somos felices de saber pola carte arriba reproducida, de Purificación Cid, que na nosa cidade nativa, Ourense, unha persoa contemporánea e viva recibiu esa mensaxe dos mortos e do Alén que á Viaxe á Illa de Solistition que Trezenzonio nos conta. Sexa quen fose Trezenzonio realmente, estaría feliz de saber que o seu relato tivo efectos de estimulación literaria nunha persoa viva e atenta á linga da fantasía na primeira metade do século XXI.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats