Uns 150 estudantes de primeiro e segundo de ESO do CPR Abrente e dos IES de Vilalonga e Sanxenxo participaron onte no I Certame de Regueifas que se celebrou no auditorio Emilia Pardo Bazán sanxenxino. Foi no peche dos obradoiros de regueifa organizados a principios de abril polos esquipos de dinamización da lingua galega dos tres centros escolares.

Durante o certame, os alumnos amosaron as súas habilidades adquiridas neses obradoiros onde aprenderon a improvisar oralmente os seus poemas en galego da man da poeta Lupe Gómez e do regueifeiro, Josinho de Tareixa. No auditorio, os participantes da competición sen ánimo competitivo puideron regueifar cos compañeiros doutros centros.

O acto contou coa presenza do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que explicou que na regueifa se combinan "dous elementos moi interesantes para aprender e adquirir seguridade no uso oral da lingua galega: a improvisación, é dicir, a espontaneidade, e o compoñente lúdico, que sen dúbida favorece a aprendizaxe e permite establecer un vencello afectivo en positivo coa lingua propia de Galicia".

Da man de Lupe Gómez e Josinho de Tareixa os alumnos de segundo da ESO dos centros de secundaria de Sanxenxo foron perfecionando o uso oral da lingua, pero tamén se achegaron á poesía a través deste modo de versificación tradicional improvisada. Dentro do obradoiros abrangueron cuestións teórica e prácticas. Entre as primeiras están as orixes da regueifa, a coincidencia desta forma de expresión con outras existentes noutras culturas e máis as semellanzas e diferencias con outros tipo de improvisación oral galegos. Os contidos prácticos centráronse nas pautas para compoñer regueifas como melodía, métrica ou a rima, así como na creación mediante diversos exercicios grupais e individuais.