A escritora galega Beatriz Maceda Abeleira é a gañadora do segundo Premio María Victoria Moreno coa obra presentada baixo o título de "Ardora". A autora recibirá 4.000 euros, a dotación económica do galardón e que aporta o Concello de Pontevedra, e a publicación do taballo por parte de Urco Editora, a outra promotora do certame.

A obra gañadora foi seleccionada por maioría entre as 17 pezas "nas que a narrativa e a fantasía foron os xéneros predominantes, non habendo ningunha representación -como si houbo o ano pasado- de poesía ou teatro.", suliña a organiación.

Beatriz Maceda é autora de títulos como "Cando John Lennon coñeceu a Valle Inclán" ou "Man. O alemán de Camelle" e o xurado destacou da súa obra o seu "compromiso co ecoloxismo e coas novas formas de convivencia, a construción duns personaxes secundarios de gran relevancia, o emprego responsábel das novas tecnoloxías e sobre todo salienta a empatía co seu público potencial: o lectorado que está nos primeiros anos da adolescencia."

Formaron parte da equipa calificadora do premio Eli Ríos en representación da familia de María Victoria Moreno, Antonio Sambade Caamaño , alumno do IES Torrente Ballester, Anxos Rial en representación do Concello de Pontevedra, Antonio Manuel Fraga, gañador da edición anterior, Andrea Jamardo Seijo en representación de Urco Editora e David Cortizo Conde, de Urco Editora, que actuou como secretario.