No Culturgal ti levas o compás é moito máis que o lema deste ano. A programación prevista para esta fin de semana é tan extensa que é preciso ser selectivo. Espazos diferenciados para un público infantil, adulto, amantes da literatura, da arte, para quenes queiran coñecer os avances das liñas culturais de cara ao 2019. Cada cousa ten o seu tempo e o seu espazo.

O conceto de Carlos Núñez en directo será o protagonista da xornada de hoxe. Unha proposta, na que o artista traballa para pechar ao ano, ao redor do patrimonio e rodeado de novos músicos.

O libro é protagonista en Culturgal e ata mañán a Feira encherase de escritores, premios, sinaturas, conversas, editores, tradutoras, mestres da ilustración, librarías, bibliotecas, libros artísticos, etc

Serán días de lanzamento dos premios do ano: Os Xerais con Emma Pedreira, Héctor Cajaraville e Carlos Negro, o Repsol con Antón Lopo e o García Barros con Ana Cabaleiro (publicados ambos por Galaxia); os premios Torrente Ballester e Raiña Lupa promovidos pola Deputación de A Coruña; os premios Fina Casalderrey de literatura infantil pola igualdade e Maga Moira, con Bahía Ediciones ou o I Premio María Victoria Moreno de literatura xuvenil promovido por Urco.

Tamén o cine ten un papel protagonista. Curtas para público infantil e familiar, dúas das longas con máis percorrido do cinema galego dos últimos tempos, videopoesía, e dous documentais: un ao redor do wolframio e outro ao redor das mulleres do textil centran a oferta cinematográfica para esta fin de semana longa no Pazo da Cultura.

Arte contemporánea

A arte contemporánea chegou a Culturgal para ficar. Por segundo ano consecutivo, Culturgal presenta o Espazo AC, que nesta edición conta con 16 expositores e un programa de presentacións, obradoiros e accións en directo, pensado para que o público da Feira se achegue ao mundo da arte.

Entre os stands, o Museo de Pontevedra, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e a Bienal de Arte de Cerveira; xunto a eles, unha variedade de galerías e proxectos artísticos nos máis de mil metros cadrados que este espazo suma a Culturgal desde o pasado ano.

No programa do Espazo AC, comisariado por Paula Cabaleiro e Antón Sobral, obradoiros de arquitectura do CGAC para nenos e un contacontos para persoas adultas que organiza tamén o museo compostelán, no marco do seu 25 aniversario.

A Bienal de Arte de Cerveira volverá a enfeitizar na proposta en directo do artista Ricardo de Campos, que xa pintou un enorme mural ao vivo en 2017. A fin de semana presentaranse varios proxectos no campo da arte, a maoría liderados por mulleres. Máis accións ao vivo co colectivo LAG hoxe e a peza de danza "Reclusa parda" o domingo, para pechar xornada ambas no Espazo AC.