O alcalde de Vilanova de Arousa vén de efectuar unhas declaracións públicas respecto á presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, nas que a denomina "chacha para todo del anciano Abel Caballero".

A frase non ten desperdicio, pois en sete palabras consegue recompilar un elenco de machismo, sexismo, xerontofobia e desprezo. Os meus parabéns ao señor alcalde; é difícil sintetizar tanto en tan pouco espazo e retratarse con tanta precisión.

As "chachas para todo", como o alcalde as chama, son empregadas do fogar, encárganse de coidar ás persoas, de cociñar, limpar, de coidar crianzas, persoas maiores ou enfermas e de mil tarefas máis, imprescindibles para a vida.

A min gustaríame que todas esas tarefas corresen a cargo dos servizos públicos, pero como as políticas neoliberais, das que o partido do señor Durán é lider indiscutible, non só non o fan posible senón que reduciron á mínima expresión as axudas á dependencia, por poñer un exemplo, as empregadas do fogar e millóns de mulleres sen salario encárganse delas moi dignamente.

A xerontofobia está tan clara que non precisa comentarios.

O señor Durán insulta a unha muller polo feito de selo e senón emprázoo a que intentente aplicar esa frase a un político varón; seguro que non lle sae. Obviamente, está no seu dereito de criticar a acción política da presidenta da Deputación e de quen considere oportuno, pero con argumentos e non con insultos machistas, intolerables no século XXI e máis vindo dun cargo público.

As mulleres estamos fartas de que se desconsidere o noso traballo, no ámbito privado e no público, e de que se nos insulte impunemente. Iso tamén é violencia machista.

En calquera país, alén dos Pirineos, esas declaracións suporían unha demisión fulminante, mais na nosa terra? o autor delas, non satisfeito aínda cos insultos proferidos, ratifícase nelas nunha cadea de radio e responsables do seu partido afirman que non as comparten pero que así aprenderá a presidenta (sic). Sen comentarios!

*María M. Álvarez Lires é mestra de Didáctica das Cierncias Experimentais na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte na Universidade de Vigo