Pontevedra afronta de novo este ano a conmemoración do Día da Galiza Mártir con convocatorias independentes formuladas por Marea e polo BNG, a maiores dos actos programados dende a Fundación Alexandre Bóveda, coincidentes en reivindicar a vixencia do legado do político e intelectual galeguista fusilado polo bando franquista ao comezo da Guerra Civil.

Os actos centrais por esta efeméride, instituida pola Irmandade Galega en Arxentina presidida por Castelao, terán lugar hoxe vernes na Caeira, en Poio, localidade na que a Fundación Alexandre Bóveda entregará, ás 13.00 horas, o XIII Premio Galiza Mártir a Xosé María López de Guereñu, promotor e cofundador da entidade.

Por este motivo, a Fundación tamén entregará ao histórico nacionalista Xosé Manuel Beiras, cofundador da entidade e fillo de Manuel Beiras; así como a Dolores Gallego, viúva de Fernando Quintela, unha edición facsímile do cartel que o deseñador Vidarte elaborou en favor da campaña a favor do Estatuto de Autonomía de 1936.

Previamente, ás 12.00 horas, no Xardín da Ferrería de Pontevedra, En Marea celebrará un acto político no que participará a súa vicevoceira, Ana Seijas, e que contará coa actuación musical da violinista Tatiana Cidrás. O acto tratará de poñer o foco no papel esquecido das mulleres republicanas represariadas por seren protagonistas na defensa da democracia.

Xa pola tarde, ás 18,30 horas, no cemiterio de San Amaro e ante os restos de Alexandre Bóveda, Xosé Manuel Beiras pronunciará o tradicional discurso do Día da Galiza Mártir, en recordo de Bóveda e de todos os represaliados.

Ademais, na Praza Curros Enríquez de Pontevedra comezará ás 20.30 horas o acto político co que o BNG celebra este Día da Galiza Mártir. En concreto, nel participará a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, ademais do alcalde de Barro, Xosé Manuel Abraldes, entre outros.

A proliferación de actos, sen embargo, anima a Marea Pontevedra a retomar o debate sobre a configuración actual o Día da Galiza Mártir, que xa levou a esta formación política a prantexar unha moción no ano 2016 que non prosperou e que pedía unha celebración "institucional cívica, aberta e plural".

Consideran que a concepción actual da xornada, que serve para conmemorar o tráxico fusilamento o 17 de gosto de 1936 do líder galeguista Alexandre Bóveda, "en ningún caso concorda co ánimo unitario expresado polos exiliados galegos en Bos Aires cando en 1942 instituiron, de man de Castelao, a data do 17 de agosto para homenaxear a todas as vítimas galegas da represión franquista".

Por elo, o portavoz de Marea Pontevedra, Luis Rei, aposta por manter aberto o debate sobre unha configuración da homenaxe a Bóveda renovada, plural e máis respectuosa "co seu propio legado", que serviría para recuperar a filosofía orixinal dun acto que pasou a celebrarse por primeira vez en Galiza hai xa trinta e nove anos, tras a desaparición do xeneral Franco. "Restauraríase a vontade de todas aquelas persoas que, con ideas e pensamentos diversos, desde 1976 empezaron a reunirse cada 17 de agosto en Pontevedra arredor da memoria de Alexandre Bóveda e todas as mulleres e homes masacrados polo franquismo".