O autor cuntiense Fernando González Graña presenta hoxe venres o poemario infantil "Zapatos Máxicos", publicado por Edicións Fervenza, no que reflexiona sobre as revelacións humanas a través da retranca e a ledicia. A cita, que terá lugar ás 20.30 horas no balneario Termas de Cuntis, contará coa presenza dos ilustradores participantes, así como do profesor e escritor Carlos Loureiro, o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García; o alcalde de Cuntis, Manuel Campos Velay; e os representantes das empresas patrocinadoras Porta do Sol de Lamela, Mi Vestidor Azul, Talleres Louzao e Termas de Cuntis.

Ademais do recitado de poemas por nenos da localidade, tamén se contará con acompañamento musical a cargo de Marcos Seixo e Marián Ramos.

- "Zapatos Máxicos" é a túa primeira incursión no mundo da poesía. Como xorde esta obra?

- Hai anos que viña maxinando a idea de facer un poemario para os máis cativos. Realmente dábame un pouco de... medo? Non sei. Sempre pensei que facer este tipo de escrita era complicada. Penso que para chegar a un neno debe escribirse dun xeito moi sinxelo, sen entrar en tecnicismos nin en palabras rebuscadas. A lectura ten que ser compresible e interpretable dende o primeiro momento e como todas as cousas casuais, un día, mentres estaba a facer unha camiñata... algo se meteu no meu maxín e dese xeito apareceu o primeiro poema: "Rosa, Roseira." Logo foi como tirar dun fío que non tiña fin.

- O título define claramente a temática imaxinaria pero, que atoparán os pequenos lectores nos seus poemas?

- Non o sei, pero o que tentei foi transmitir ledicia e, sobre todo, espertar a curiosidade polas cousas. Por tantas e tan fermosas cousas que nos rodean. Que se fagan, e nos fagan, un sen fin de preguntas; que teñan interese en saber e, sobre todo, en saber valorar e desfrutar do mundo no que viven e vivimos.

- Cada un dos poemas acompáñase de ilustracións de preto dunha vintena de artistas...

- Xustamente 17 son os xenios artistas que fan que cada poema cobre vida ante a mirada atenta e curiosa do pequeno lector. Como lle digo a eles, aos ilustradores, esta non é unha obra de Fernando González Graña. Non. Esta é unha obra colectiva na que todos eles xogan un papel imprescindible nesta obriña. Aproveito para darlles, dende aquí, os meus parabéns e agradecemento por seren partícipes desinteresados deste fermoso proxecto.

- Escribir para o público infantil é máis doado? Cales son as premisas a seguir para atraer a súa atención?

- Non sei se é ou non máis doado; considero que cada escritor ten o seu xeito de ver as cousas, a súa óptica do mundo. Debe ser que aínda me considero un neno e poñerme no seu sitio resúltame máis cómodo. A seriedade non vai moito comigo.

- Na túa obra narrativa destacan títulos como "O diario de Daniel" ou "O móbil do crime". Aínda que a temática é completamente diferente, cal sería ese sinal que te identifica como escritor?

- Aínda que antes falei de "escritor", realmente, non me considero, nin moito menos escritor. Para min é un pasatempos. Considero que, o que escribe, non pode ter unha temática concreta. Sempre hai que estar a investigar. Ideas novas. Pensamentos que collen alma de historia escrita. Agora, se hai algo que me... non sei. O teatro é diferente. É unha historia que pasa dun libro á realidade, con personaxes reais. É emocionante. Este martes, a Escola de Teatro de Cuntis representou dúas peciñas da miña escrita: "Eclipse" e " O partido de Fútbol do século". Que podo dicir máis que, grazas.

- No teu haber contas con preto dunha ducia de títulos publicados para público infantil e xuvenil. Consideraches adentrarte na literatura de público adulto?

- De feito "O móbil do crime" é un intento de achegamento cara o público adulto. Si, teño moitos proxectos cara ese tipo de lector pero... non sei, considero que é moito máis agradecido o ver o sorriso dun neno. Logo, máis adiante, quen sabe.

- A publicación de obras teatrais atópase en horas baixas mais é un xénero que sempre cultivaches. Cal sería a clave para o seu rexurdimento?

- Penso que temos moito que inventar. Refacernos para chamar a atención ao público e a eses magníficos actores/actrices que temos entre os nosos cativos. Xa digo que, ver unha obra túa representada é un fermoso regalo. Temos, tamén, un gran exemplo de publicacións en Edicións Fervenza con máis de cen obras publicadas. Eles estanlle dando un gran pulo a este tipo de publicacións.

- Se tiveses que quedarte cun único xénero literario, cal sería e por que?

- Non podería renegar de ningún fillo. Cada xénero ten o seu mundo interior.

- Con que xénero nos sorprenderás no teu próximo proxecto? Podes avanzarnos algo?

- Non o sei, teño varias cousas en mente. Algunhas xa empezadas pero... deixemos que sexa o tempo o que decida.